Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Pedras

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Santa Eufemia de Lobios

Na parroquia de Manín, concello de Lobios (Ourense) hai unha Serra chamada de Santa Eufemia porque alí apareceu segundo algúns cronistas o corpo desta santa arredor do ano 1090.
A lenda conta que unha pastora que andaba coas ovellas por aquela serra viu saír de entre as penas unha man cun anel de ouro pero cando a pastora colleu o anel quedou muda. Con acenos fíxolle saber a seu pai o que pasara e, por consello deste, volveron ó monte, ó mesmo lugar onde o atopara, e devolveron o anel, poñéndoo na man que viron saír de entre os penedos.
Naquel mesmo intre unha voz díxolles que alí estaba enterrado o corpo de Santa Eufemia así que deron coñecemento do asunto e o corpo da santa foi desenterrado e trasladado á ermida de Santa Mariña, nos lindeiros entre a diocese de Braga e a de Ourense.
Sendo bispo de Ourense Pedro Seguín, ano 1159, e coa axuda dunha veciña de Manín de nome Estefanía, dispúxose o traslado dos restos da santa á catedral de Ourense. O bispo de Braga e os fregueses daquela diocese enfadáronse moito e intentaron evitar o traslado ata que se tomou en consideración a intervención da providencia. Entón decidiuse que os restos da santa irían parar a onde o azar quixese.
Puxeron a furna nun carro tirado por dous touros selvaxes e agardaron. Os touros tomaron o camiño de Ourense e non pararon ata pasar a Cruz do Cumial, preto da cidade. Desde alí as reliquias foron conducidas ata a catedral de Ourense onde descansan desde entón. Parece que no lugar onde se detiveron os touros houbo unha capela dedicada á santa ata non hai moitos anos.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: