Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

nº 03 (2007).-REIGOSA CARREIRAS, A.: Un mar de mitos

UN MAR DE MITOS

© Antonio Reigosa

Des que Gilgamesh, o mítico rei de Uruk que anceiaba atopar o segredo da inmortalidade, conseguiu atravesar o Mar das Augas Mortais, a humanidade revisa unha e outra vez os eternos mitos mariños. Desde entón, e tamén hoxe, o mar é un universo gobernado por deuses, explorado por heroes, morada de monstros, xeografía inzada de pantasmas de continentes, illas, barcos ou criaturas só concebibles polo imaxinario compartido por toda a humanidade. O-Wata-Tsu-Mi, Hai Re, Matsu, Tam Kung, o dragón Li, Peng Lai, a illa encantada no Mar da China, Neptuno, Poseidón, Xasón, Medea, os Argonautas, Ulises, Hércules, as sereas, os tritóns, a Atlántida, Leviatán, os kraken, viaxes e viaxeiros na procura do Xardín das Hespérides, dos Campos Elíseos, de Avalón e de Horaisan, do país de Uttarakuru, do País do Preste Juan, do Mar dos Sargazos, de Eritia, do Paraíso ou do Alén. Sempre o mar. E sobor del un exército de santos e heroes desde San Brendán a Davy Jones, o pirata sen corazón de Pirates of the Caribbean que só pode pousar pé en terra cada dez anos. Mares de augas quedas ou vivas, conxeladas ou mortas, paralizantes, negras, vermellas, calladas..., mares sólidos, espesos de sal, de area, no que verquen ríos que só carrexan pedras. Mares estraños: de fígado, de pulmóns, de pegamento, o Mar das Tebras, o Mar Operenzer do imaxinario húngaro. O mar mítico é unha longa, interminable, listaxe de seres e lugares froito desa portentosa arma humana que chamamos fantasía e que fai agromar mitos e lendas, seres e lugares que endexamais foron reais e, sen embargo, existen.

Os mitos do mar galego

Desde o punto de vista xeográfico Galicia é un Cabo do Mundo, un finisterrae, o derradeiro paso antes do Máis Alá, do Orco, do Mundo dos Mortos pero tamén, segundo se mire, porto de partida para a procura do Paraíso, a morada dos Benaventurados. Desde a foz do Eo ata a desembocadura do Miño Galicia é beiramar, linde dun océano inmenso, poderoso, ateigado de monstros e de perigos, de misteriosas criaturas que ao tempo nos atemorizan e nos fascinan. Este mar é un deus e chámase Oceános, o titán representado con figura de home barbado e con cornos semellantes a pinzas de lagosta, escoltado por golfiños e outros peixes, como amosa o fermoso mosaico romano atopado hai máis de século e medio na rúa Batitales de Lugo.

Illas imaxinarias

Neste noso océano quere a lenda pseudopopular que intervise nos días da creación o deus cristián e que ao pousar os seus dedos xigantescos sobre o limo fundacional debuxase as rías, e logo, ao sacudir a lama apegada, formase borborotos que resultaron ser as illas todas do mar galego. Illas reais (Cíes, Sálvora, Coelleira,...) e illas entre as que debía estar unha inmensa chamada Atlántida desaparecida baixo as ondas por culpa dun cataclismo. Os galegos ben poideramos ser fillos dos antigos habitantes daquel continente, do que aínda quedan, a unhas dez millas náuticas de Malpica, nuns farallóns que sobresaen do mar, restos de muros e escaleiras. Cando se afundíu, todos os homes e mulleres que puideron salvarse fuxiron cara as costas galegas en barcas de pedra. Outras fantasías antigas falan de Eritia, a illa situada ao outro lado do océano, se cadra no solar da actual Coruña; de Solistición, a illa na que descubriu as esencias do Paraíso o monxe Trecenzonio; e a que atopou o monxe Amaro despois de desprenderse de todas as súas riquezas. Naquela illa viu un muro branquísimo que se podería atravesar por unha porta feita de ouro e pedras preciosas, pero ao santo Amaro non lle deixaron traspasala e só puido botar unha ollada pola mira. Cando regresou ao punto de partida, o mundo era outro; consumira naquela breve estadía trescentos anos humanos. E aínda veremos cos ollos do noso imaxinario a illa do sal que se derreteu e salgou o mar enteiro, e os illotes da Enseada do Ézaro coñecidos como Bois de Gures que un día sendo bois reais fuxiron do asolagamento da cidade de Duio, mais afogaron e quedaron petrificados. E se cadra podemos albiscar a verde illa de Erín, esta real, que Ith, fillo de Breogán, avistara desde a Torre hoxe chamada de Hércules. Ith, como é ben sabido, nunca regresou pois non atendeu o consello do pai que lle recomendara non descabalgar en toda a singradura.

Sereas, homes mariños, cidades, barcos...

Arredor destas illas aboian sereas que engaiolan coma a que deu orixe aos Mariño de Lobeira, a das Illas Miranda, en Ares, a da praia de Mogor, en Marín, e a máis festexada, a Maruxaina, que vive nos Farallóns de San Cibrao e cada agosto é xulgada en praza pública. E igual que hai sereas tamén hai homes mariños; tritóns avistados nas praias da Coruña con corpo de home, escamas afiadas na cabeza, peito e costas, e coas mans e os pés corvos de tanto batuxar. O P. Feijóo cría na existencia desta caste de anfibios. Na nosa beiramar queda asímesmo a memoria de cidades maldicidas, que foron e que xa non son; unhas quedaron baixo as augas do mar como Vilachá, en Barreiros, Estabañón, en Viveiro, Valverde, en Ribeira, Duio e Petronia, en Fisterra, Troia, Libunca..., e outras baixo a area coma Gaifar, en Nigrán. Polo mar arribaron a Galicia barcas de pedra coma a do santuario da Virxe da Barca de Muxía, a de Santo Andrés de Teixido e a de de Santiago en Padrón, e outras menos coñecidas coma a de San Tirso, en Xove. En viaxe prodixiosa chegou a Galicia o marabilloso sartego do Conde Santo de Lourenzá; desde Xafra navegou o Mediterráneo e o Estreito de Xibraltar, subíu polo Atlántico, virou por Ortigueira e encallou fronte ao porto de Moreda, hoxe chamado de Foz. E hai barcos que son tamén sartegos pois cabo deles, no fondo do mar, están os espíritos espidos dos mariñeiros que os tripulaban como é o caso do bergantín afundido na Furna dos Pesos das Illas Cíes. Nas noites de temporal emerxen barco e tripulación nun revoltallo de cadáveres animados. Outro barco xigantesco, disque tripulado polo Demo e por esqueletes de mariñeiros ás súas ordes, remontou desde A Guarda as augas do Miño rumbo a Ribadavia. Díxose que levaba un cargamento de viño procedente do mesmo inferno coa intención de despretixiar os bos caldos daquela terra. Un monxe chamado Xan exconxurouno e o barco desfíxose nunha nube de fume. Can do Urco, serpes, polbos e calamares xigantes Entre os animais monstruosos do mar galego o máis perigoso é o chamado Can do Mar ou Can do Urco, un cánido grande, negro, fero, con cornos e orellas longas que é agoiro de morte. Tamén se teñen avistado polbos, congros e calamares xigantes, serpes mariñas enormes, baleas e lontras incribles, e outras criaturas que se acomodan nos profundos peagos costeiros ou nas innumerables furnas dos nosos cantís. Nestes mesmos xacementos do imaxinario pode agacharse un tesouro, a imaxe dun santo, o punto de amarre dun barco que leva bruxas aos aquelarres máis distantes, luciñas que delatan o punto exacto onde pena a ánima dun afogado. Nas noites de luar pode verse como desde a praia da Lanzada cruza o mar a Compaña con destino a un punto da Illa de Ons coñecido como a Burato do Inferno. Alí está para escarmento de incrédulos unha das portas do Outro Mundo.

Piratas, trasnos e demos mariños

Se un trasno en figura de paxaro pousa na rede dos mariñeiros anuncia boa pesca pero os máis dos trasnos mariños, sen embargo, son piratas. Os rabusos avistados en Coiro son miudiños e visten turbante. Os soliños, supostos herdeiros de María Soliña, son axentes a soldo dos piratas humanos. E os máis astutos, os almuiuces, que conseguiron fender en mil anacos o espello que había na antiga Torre de Hércules cunha estratexia singular. Camuflaron os barcos nos que se achegaban á costa con ramallada, de maneira que semellaban illas que polo día estaban quedas no horizonte e pola noite avanzaban ata achegarse á costa. De piratas humanos hai abondosos relatos e non sempre acabaron derrotados como o foron aquelas naos normandas que o santo bispo Gonzalo foi afundindo no mar de Foz a golpe de pregarias.

O mar interior

Neste apresurado resume polo imaxinario do noso mar non podemos esquecer unha breve referencia aos mares interiores onde tamén latexa o pulso do mar. Asegúrase que a auga de moitos pozos e lagoas obedece as leis das marés e así, por exemplo, no Pozo do Ollo, en Begonte, as augas soben ata cubrir de lado a lado, e cando devala, tamén alí baixan as augas. Os lancheiros que guían alí cando o abalo, vese que a rema non apoia no fondo, teñen que ir a badexo coma no mar. Pero o mar galego non é só escenario de medos e monstros. Por veces unha chiscadela fainos debuxar un sorriso onde se anunciaba unha traxedia como sucede neste conto divulgado desde antigo, véxase Glosas al sermón de Aljubarrota, 1545?, con ánimo, seguramente, de escarnecernos. Sen embargo, a pretendida burla pode ter outra lectura máis compracente: Vindo de Flandes nunha urca (embarcación grande e ancha que se usaba para transportar grans e outros xéneros), antes de tomar porto na Coruña, presentouse unha grande treboada no mar. Tratando de salvar a nave traballaban arreo cinco mariñeiros portugueses. Nin comían, nin durmían; só achicaban e non daban feito. No barco viña un mariñeiro galego que en vendo que todo se ía pique subíu á gabia, sentou na cuberta e púxose a comer. O contramaestre ó observalo con aquel descoido, rifoulle e preguntoulle porque non axudaba aos demais. Ao que o galego, con parsimonia, respondeu: —¡Corpo de Deus! ¡A home que tanta auga agarda beber, non lle deixaredes comer siquera dous bocados! Pois iso.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: