Actualizado en data 02/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Encanto do Con da Romaíña

A lenda conta que hai unha rocha moi, pero que moi grande, coñecida coma O Con da Romaíña na parroquia de Nantes, concello de Sanxenxo (Pontevedra).
Nesta rocha pódense atopar aínda hoxe uns debuxos que representan unha culler, un garfo e unha tixola. Nas madrugadas de San Xoán aparecía alí unha velliña de longo cabelo branco e poñíase a cociñar. Ao lado dela había unha gran serpe enrodelada que a miraba atentamente sen facerlle dano algún.
Outra cousa curiosa que acontecía nesta madrugada era que cando saía o sol bailaba enriba da cabeza da anciá. Estes acontecementos repetíronse un ano tras outro durante varias décadas. Este con aínda se pode ver se collemos a vía rápida do Salnés, dirección Sanxenxo, á altura do polígono industrial que se está construíndo.
A velliña era coñecida polos veciños da parroquia de Nantes polo nome de Encanto do Con da Romaíña .


[Texto remitido por Manuel Paz Castro, de Meaño (Pontevedra)]

Nota:
A lenda contouma miña avoa, Felizvina Castro García, e ela escoitoulla a seus pais, é dicir, meus bisavós, que se chamaban Ramón Castro e Eugenia García de Lastres e vivían na parroquia de Nantes, concello de Sanxenxo (Pontevedra). Os debuxos probablemente sexan petroglifos.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: