Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A Fonte da Virtude de Culleredo
En Culleredo (A Coruña) hai unha fonte coñecida como a Fonte da Virtude onde se cura a sombra, aínda que antes facíase este mesmo rito nun manancial próximo. A sombre é un mal que afecta ás persoas e que se lles nota porque deixan de comer e quedan esqueléticos.
Pois ben, o asombrado ten que ir pola noite á Fonte da Virtude, acompañado dun home chamado Xan e dunha muller de nome María ; entrambos meten ó asombrado na fonte nove veces, ao tempo que manteñen este diálogo:
—Toma Xan
—¿Que me dás, María?
—Un asombrado.
—Eu devólvocho san e salvo, polo poder de Deus e da Virxen María un "Padre nuestro" e un " Ave María"
Así nove veces seguidas.
A roupa que leva o asombrado tírase e pónselle outra limpa. O percorrido deica a fonte faise en silencio e vóltase á casa por outro camiño, tamén sen falar; e se a casa ten dúas portas, éntrase pola contraria da que se saíu.
[Información recompilada pola alumna Sabela Canedo do colexio Tarrío, Culleredo (A Coruña) no curso 2000-2001 ao realizar un estudo das fontes de Culleredo baixo a dirección dos profesores Francisco Arturo Pita Fernández, Esperanza Monasterio Álvarez e Aurelio Solla Monteagudo]
Nota dos recompiladores:
Coñecemos unha das persoas que realizou ese rito unhas catro veces e, dende logo as criaturas non morreron, e tamén sabemos do rito pola irmá dun asombrado que maliño e famélico como estaba, negábase a comer. Despois de facer o rito comezou a xantar e nada máis chegar á casa pedíu unha taza de caldo e desapareceu o problema.
Dende logo a María que facía o rito voltaba para casa moi preocupada sempre, pois non podía evitar pensar: “E se morre a criatura con tanta friaxe?”. O día seguinte pasaba pola casa do asombrado para asegurarse como marchaba todo e respiraba tranquila porque o asombrado xantaba, estaba alegre e xoguetón.