Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
As Pontes de Gatín (2)
No concello de Becerreá, nos Ancares de Lugo, hai unha aldea atravesada polo río Navia que ten por nome Pontes de Gatín e que segundo a lenda se lle chama así desde hai moittos anos.
Resulta que, hai moito tempo, vivía na beira esquerda do río un mozo que era noivo dunha moza que vivía na beira dereita.
Os invernos naquela aldea eran, e aínda son, moi duros, propios do clima de montaña que se dá nesas zonas.
Así que o mozo tiña que cruzar o río todos os días nunha pequena embarcación para ir ver a súa moza e despois cruzalo outra vez para regresar á súa aldea. E así durante todo o inverno.
Un día de moita enchenta, cando o mozo ía remando polo río, apareceu na barca o demo ou o diaño e díxolle:
—Eu podería facer unha ponte nunha soa noite —díxolle ó mozo.
O mozo seguiu remando e non lle fixo caso.
—Non terías que pasar máis traballos para cruzar o río —continuou o diaño—. A cambio só terás que darme o primeiro ser vivo que naza na casa despois da túa voda.
Como aquelo parecía imposible, o home aceptou o pauto (pacto) co demo.
Á mañá seguinte apareceu feita unha ponte que ainda hoxe sigue en pé.
O mozo e a moza casaron, foron felices e nunca máis do demo se acordaron ata que un día a moza quedou embarazada.
¡Que disgusto había naquela casa! ¡Segundo o pauto co demo, o que nacera primeiro era del!
Pero como o demo fai e Deus desfai, sucedeu que entón naceu na casa unha camada de gatos. O home meteu un nun saco e foino levar ó medio da ponte, onde xa estaba o demo agardando.
—Veño cumprir o pauto —díxolle—. Aquí che traio o ser vivo que naceu onte na miña casa.
Abriu o saco e saiu del un "gatín" pequeno que ó ver o feo que era o demo, escapou a todo correr.
E por iso se lle chama a Ponte de Gatín
[Texto remitido por Francisco López, de Lugo (Lugo)] [[Véxase tamén estoutra versión]]