Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A luciña do río Portamós
Hai xa moitos anos, nas noites máis escuras do ano, andaba polo río do Portamós, en Mos, concello de Moraña (Pontevedra), unha luciña que traía tolos ós veciños do val de Mos. Ó parecer, certos días ó entrar a noite podíase ver unha luciña ou resplandor que a contra corrente subía o río. Aparecía a tal luzada alá polos campos do Portamós, víñase cara o muíño do Escribán, logo, pouco a pouco, pola presa do muíño, os campos do Chope, a Comporta, o Canaval, a ponte das Casiñas, subindo ata As Pontellas. Segundo contaban os entendidos, a luciña non se metía con ninguén, ía polo río arriba sen facer dano, pero non consentía que valentes ou temerarios se achegaran a ela como lle pasou a un mozo que quixo asexala. Deulle tal "tantarantán" que seica o levou polo aire máis de trinta metros. A outro que colleu descoidado quitoulle a fala dous ou tres días. Mesmo non conviña mirala moi de seguido, pois podíate deixar cego. Deste xeito tíñaos amedrentados e preocupados, cavilaban a cotío sobre a súa orixe ou razón e non acertaban a darlle unha explicación doada. Pensaban uns que se trataba dun fenómeno natural, poida que debido ás propiedades das augas do mesmo río. Outros pola contra dicían que era cousa dos espíritos, xa fosen bos ou malos. Moitos coidaban que eran ánimas e algúns que era o mesmo Demo. Un home que fora mariñeiro de mozo e logo muiñeiro predicaba que o efecto chamábase "fuegos fatuos" e que xa os vira no mar. A teoría máis convincente contáronma hai anos e poida que mesture outra lenda nova: Había hai moitos anos en Mos un crego, destes que non tiñan parroquia, e o home gustaba de camiñar polas veigas e campos do arredor, e falar cos veciños mentres traballaban. Algúns mesmo aproveitaban para pedirlle que dixera algunha misa polos seus defuntos. Neste caso o crego facía unha marquiña coa navalla nunha vara de vimbia que adoitaba levar. Ó dicir da xente, cando tiña a vara chea de marquiñas, o crego, sen dar as misas, guindaba a vara no río e dicía: —Non quixera levar eu a carga que ti levas —referíndose ós pecados ou outras penas dos mortos sen redimir. Deste xeito, o resplandor ou luciña serían as almas en pena sen remisión no seu longo vagar. [Texto elaborado por José Casal Porto, de Moraña]
BIBLIOGRAFÍA