Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
A Correa
A Correa pertence á parroquia de Xirazga, concello de Beariz (Ourense) e esta é a explicación da orixe do topónimo.
A narradora sinala co seu dedo engurrado, a pel fina coma papel: era alá onde aparecía o medo.
Estamos na Veiga do Piñeiro, no lugar da Correa, e María indica cara aos campos das Correas, onde está o paso do Portacabalo.
—Aparecía en forma de cabalo, e asustaba á xente polas noites. Viñeron os frades de Aciveiro, concello de Forcarei (Pontevedra) a esconxuralo.
A parroquia de Xirazga, Xirarga ou Xirasga, cae no fondo da Terra de Montes, e remata na Portela da Cruz, a onde chega xa o aire do mar (Todos somos de Pontevedra/ Todos somos de por alá/ Todos somos afiadores/ Todos sabemos afiar), pero as pegadas dos monxes de Aciveiro aínda chegaron aquí: na festa do patrón tiñan dereito a comida para un frade, un axudante e unha mula, que son tres, se non conto mal.
—Pero para esconxuralo pediron que lles tiñan que pagar unha renda.
—E canto?
—O que ocupase a pel dun becerro.
Non parecía moito, e o medo foi esconxurado, e del non se soubo máis, pero resulta que no momento de cobraren a renda, os frades colleron e puxeron a pel en correas e foron rodeando unha grande extensión de terra, que é a dos Campos das Correas, que ao noso lugar lle dan nome.
[Texto elaborado por Poldo Cañizo Durán (Santiago de Compostela) con informacións referidas por María de Andrés, María de Severino e María de Leopoldo]