Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Como se crían os demouchiños

Segundo E. Lence-Santar e Guitián1, os demouchiños tamén son chamados demiños.

Conta que cando Noso Señor botou do ceo os anxos malos, mandou abrir o ceo mailo inferno, e do ceo empezaron a caer no inferno centos de anxos.

Tantos centoss eran que San Miguel, todo anoxado, dixo:

—Surcen corde2!

E o ceo mailo inferno pecháronse, mais no aire quedaron moitos anxos malos, que son os demouchiños.

Din en Santa María Maior (parroquia do concello de Mondoñedo) que os demouchiños son os que levantan os remuíños do aire, son os que arman os tronos (nubeiros ou tronantes) e os que veñen facer falcatruadas ás ventás.

Como se atopan no aire e tratan de se meter na xente, é ben para axotalos, cando se abre a boca, facer nela, co dedo polgar da man dereita, cruces, ao tempo que se di:

—Jesús, María e José, Espíritu Santo e gracia. Amén.

Aos pícaros, cando se lles abre a boca, fanlles tamén cruces e din o mesmo.

Contan na Pastoriza (Lugo) que os demouchiños pódeos criar un home e que houbo un da parroquia de Bretoña daquel concello que criou un demouchiño co cal facía canto quería.

Din que ese home ía ás segas a Castela, axustaba a sega de trinta ou máis fanegas de terra e o demouchiño, nunha noite, segáballe todo. Deste xeito foi moito diñeiro que gañou.

A cría dos demouchiños faise desta maneira:

Os homes que os van criar collen un ovo de pita moura. Méteno no sobrazo e vanse para unha corte onde haxa moito esterco. E alí están tres semanas, ao cabo das que sae do ovo o demouchiño.


1Véxase referencia bibliográfica, páx. 3. Segundo o autor, estas notas serían parte dun libro, entón e aínda hoxe inédito, que ía levar por título “Folklore d'a terra de Mondoñedo”.

2Quizáis se refira á expresión latina “Sursum corda!” que quere dicir “arriba os corazóns!”.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: