Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

San Gonzalo, o bispo mago

Existiu Gonzalo, o chamado Bispo Santo? Para X. Ramón Fernández Pacios e para outros historiadores o bispo con halo de santidade ao que se lle apoñen tantos milagres correspóndese con Gonzalo Froilaz, bispo díscolo e penúltimo da sede mindoniense con residencia en San Martiño entre os anos 1070 e 1108.

Agora o que nos importa é contar algúns dos prodixios que se lle atribúen a este bispo, fose Gonzalo Froilaz ou fose outro, relatos que comezan a aparecer en letra impresa a finais do século XVII aínda que xa debían levar moito tempo viaxando de xeración en xeración por transmisión oral.

Imaxinen a situación! En San Martiño goberna un bispo ancián, falto de vista e de saúde, con fama de santo.

Ao esteiro da desembocadura do Masma arriba unha poderosa flota armada normanda —hai quen sostén que eran sarracenos—. A xente da beiramar colle medo e acude ao bispo —A furore normandorum; libera nos, Domine— quen organiza unha procesión que vai desde a actual basílica ao alto da Cruz do Agrelo, onde agora se atopa a ermida chamada do Bispo Santo.

O camiño é longo e costento, moi dificultoso para un home vello que, ademais, carga cunha cruz. Cada pouco axeonllase para descansar e cada vez que pon o xeonllo na terra e reza, afúndese unha nave invasora.

Cando lle comunican que só queda a flote unha das naves permite que fuxa para que dea a nova da traxedia que lles acaba de caer enriba.

Hai máis versións sobre esta lenda que non varían no substancial pero si nos detalles. Dise que os afundimentos se produciron des que o bispo corou o monte da Cruz do Agrelo, e que foron tres as naves liberadas de afundirse. Tamén se di que as que se afundían o facían despois de rezar o bispo un nosopai.

Da marabillosa versión da lenda que escribiu, xeneroso de prodixios, Álvaro Cunqueiro, tomamos o remate:

«Gonzalo orou durante largas horas no cumio. Os habitantes das mariñas fuxiron terra a dentro. Anoitece cando bispo vai anunciar a boa nova ao seu pobo, a aquel pobo que vira nos seus ollos a fogueira da vitoria».

As curacións milagrosas que se lle atribúen a San Gonzalo son numerosas. A relación aparece no auto datado en 1704 que ten o obxectivo de conseguir o seu recoñecemento como santo oficial da igrexa.

Á ermida do Bispo Santo, situada no alto da Cruz do Agrelo, acudían ofrecidos tolleitos de pés e mans, mulleres estériles, leprosos, eivados, cegos, doentes de enfermidades causadas por aires e accidentados con dores de todo tipo, sempre desafiuzados de médicos e cirurxiáns.

Os penitentes, incluídos peregrinos a Santiago, acostumaban permanecer alí nove ou dezaoito días, ofrecían exvotos de cera coa figura da parte do corpo enferma, oían misas, rezaban e pedían a intercesión do santo para que Deus os liberase de todo mal.

Uns que acudiron foron o rexedor de Mondoñedo, Luís de Luaces e a súa esposa, demandando procrear; e tiveron fillos, tras do consabido novenario e de ofrecer a figura dun neno fabricada en cera.

Probas de milagre eran, entre outras, a enorme cantidade de muletas que deixaban alí “en haçimiento de gracias” os que chegaran eivados e regresaban valéndose por si. Algunhas das curacións, ademais das rogativas, precisaban que o doente fíxese uso da auga da chamada Fonte dos Mouros, situada non moi lonxe da ermida.

Entre outros prodixios atribuídos a San Gonzalo está este de facer nacer unha fonte milagrosa onde non había auga.

Esta Fonte da Zapata que, ao parecer, xa non está no mesmo lugar onde a fixo nacer o bispo e, como consecuencia, puido perder propiedades, ten a orixe no chamado Rego de Lavamaos, augas coas que se practicaron rituais que a igrexa condenaba e castigaba coa excomuñón.

Foi entón cando, segundo a lenda, habendo necesidade de auga, o bispo creou unha fonte onde non a había da seguinte maneira. Tirou unha das súas çapatas e onde tocou o chan naceu unha fonte con auga moi boa e abundante que, por ter orixe milagrosa, sempre se considerou con propiedades benfeitoras.

A principios do século XVIII o crego daquel igrexa conservaba a çapata que dera orixe ao prodixio, e por ela daba de beber auga aos enfermos. E curaban, acompañando a toma do correspondente novenario.

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: