A misteriosa desaparición de Mingos de Caraba
Corrérase a voz. A un pequeno que andaba coas ovellas polo castro de Barán, de Paradela, aparecéuselle unha moza que lle dixo que levaba moito tempo encantada, e que se non tiña medo que a podía desencantar.
Explicoulle como había facer. Díxolle que volvese ao día seguinte e que sentase enriba dun penedo, que ela presentaríase en figura de cobra e que subiría por el arriba pero que, se non tiña medo, a faría feliz.
E así foi pero o pequeno, vixiado polos pais que andaban ao asexo, cando a cobra se lle achegou, colleu medo e marchou. Comentaron a aventura cos veciños, entre os que andaba Mingos de Caraba e déronlles por ben feito o que fixeran. Seguramente, se non fuxiran, o mozo tamén quedaría encantado.
Mingos decidiu ir el desencantar a moza. Buscou dous homes valentes para que o acompañasen, díxolles que non tivesen medo, visen o que visen, e aló foron a noite seguinte.
El ía preparado. Levaba escapularios, unha cadea chea de medallas, unha estola e o libro de San Cibrán. Lembroulles aos dous acompañantes que non tivesen medo, que se o deixaban só estaría perdido. Despois trazou un circo no chan cunha moeda de prata e metéronse os tres dentro.
Entón Mingos comezou a ler no libro e aos poucos abriuse un burato no medio da croa polo que saíu un xenio grandísimo. Seica era rubio pero coa cabeza pelada. De vestimenta só levaba un taparrabos. Tamén levaba na man unha forcada cos gallos rubios, como sacados dun forno ao roxo vivo. E canda o xenio saíu unha moza que estendeu unha colcha no chan e empezou a carretar sacos cheos de ouro e a botalos na colcha.
Mentres Mingos lía tranquilo e parece que nada vía do que alí estaba pasando, os homes que o acompañaban comezaban a asustarse, e máis aínda cando saíu un touro que daba saltos cara a eles. A moza seguía ao seu, carrexando sacos para a colcha que xa tiña enriba un montón de moedas.
Pouco despois cando uns penedos se botaron enriba dos tres homes coa ameaza de esnaquizalos, os dos acompañantes non aguantaron máis e fuxiron.
Non se sabe que máis pasou. Mingos de Caraba tardou exactamente un ano en volver para a casa. Por máis que lle preguntaron, non revelou que fixera naquel tempo de ausencia.
O que si se sabe é que xustamente un ano despois de aparecer pola casa, morreu.
BIBLIOGRAFÍA