Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Tres caveiras

A visión dunha caveira humana, non importa a que sexo corresponda, é case sempre sinal de morte; dunha evidente, a do ser propietario pero tamén a previsible de quen a ve, normalmente por efecto da impresión ou do susto.

Segundo conta J. David Fernández Fraga na corredoira do Forniño, en Somede-Oleiros, Vilalba, foi onde colleu o medo que levou á tumba a Perucha de Vilanune.

Tiña costume de ir rezar o rosario á igrexa ao amencer. Espertou e como viu luz polo fachinelo do cuarto pensou que alborexaba, así que se ergueu e púxose camiño da igrexa. Pero non amencera, aínda era noite, xeara e a escasa luz que vía era a da lúa.

Foi entón cando se lle presentou no camiño unha figura vestida de negro da que só reflectía o brillo do que parecía unha cadea de ouro que lle colgaba do peto do chaleco. Pensou que a cadea podía amarrar un reloxo  e Perucha preguntoulle: Que hora é? Ao que o vulto, mentres retiraba a carapucha que lle cubría a cabeza e deixaba ben á vista a caveira cuns dentes enormes, respondeulle: As doce!

A pobre Perucha, facendo cruces e espaventos, correu ata o adro da igrexa onde viu unha persoa que se aconchegaba contra a esquina. Sospeitou que podería ser unha veciña que ía como ela de mañá cedo rezar o rosario e comezou a contarlle os detalles do que vira.

Quen escoitaba miraba para Perucha e cando esta acabou de dar explicacións, preguntoulle: Serán estes? E amosou uns dentes grandes, regañados, brillantes como o ouro da cadea.

Perucha correu e xa non parou ata chegar á casa pero non se recuperou do susto e morreu poucos días despois.

Outra historia Un veciño de Doade, Sober, cruzou de noite polo camposanto parroquial e viu un vulto do que saíu un relampo cativeiro como o dun lucecú. O home era valente e non se impresionou así que tan axiña como tivo aquilo ao alcance, deulle unha patada e botouno a rolos polo camposanto. Mesmo lle pareceu que xemera un algo.

Cando chegou á casa e se dispuxo a cear viu pousado no mesado aquel vulto que resultou ser unha caveira mais o home, que a nada tiña medo, convidouna: Se queres cear dígolle á miña muller que se poña prato.

Ao que a caveira respondeu: Non, non quero cea! Só veño para dicirche que como non respectaches o meu descanso, mañá irás facerme compaña ao cemiterio.

Sen saírmos do concello de Sober, o caso de Teresa da Creería, de Bordelle, contáronmo os do Trícole, resultou ben diferente

Na Pena Rubia de Vilisome, en Anllo, vivían os mouros. O pan que comían enfornáballelo Teresa da Creería e cóntase que unha vez, mentres os mouros foron buscar a leña, ela quedou amasando e preparando todo.

Os mouros deixaran unha ola ao lume e rogáranlle a Teresa que non mirase o que había dentro, pero ela, curiosa, mirou e viu que na pota tiñan a cocer unha caveira aínda adornada cun irto pelame.

Teresa colleu medo, botou ribeira arriba cara a casa e cando se cruzou cos mouros que volvían coa leña ao lombo, estes berráronlle: Teresa da Creería, volva polo crecente e pola peneira!

Pero ela, pés lixeiros, respondeulles: Non volvo, non, aínda que de ouro se volvesen!

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 15 de marzo de 2021.

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: