Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Santos e Defuntos
O 1 de novembro como Día de Todos os Santos escolleuno o papa Gregorio IV aló polo s. IX. A intención era celebrar a memoria dos santos que non contan con día propio no santoral pero tamén cristianizar vellos ritos do mundo pagán como o Samaín que coincidindo co final do verán e da recolleita tamén se dedicaba aos mortos.
Hoxe, día 2, celébrase o dos Fieis Defuntos, xornada na que se visitan e ornamentan as tumbas dos devanceiros finados e no que se lles reza para, de teren que penar algún tempo no Purgatorio, quedaren liberados de tormentos e accedan definitivamente á gloria celestial.
Hai sitios que teñen por costume, como sucedeu entre nós tamén, compartir comida coas ánimas usando as tumbas de mesado segundo fai saber, entre outros, o bispo Guevara de Mondoñedo no s. XVI. Aínda hoxe ao celebrarmos os magostos interpretamos que as castañas cando estouran no lume representan ánimas liberadas, por tanto seguimos practicando esa convivencia entre vivos e mortos.
Tamén conservamos o costume de iluminar as sepulturas en días tan sinalados —agora con velas a pilas— como facíamos en tempos dos romanos. Moitos altares ou aras funerarias, como as que se amosan no Museo Provincial, conservan os ‘foculus’ para as ofrendas e libacións, os epígrafes cos nomes e filiacións dos defuntos e o acróstico (DMS) que indica a consagración aos deuses manes. O mesmo sucede coas lucernas que se atoparon nas cistas funerarias da praza do Ferrol, que hai case dous mil anos cumpriron un papel cerimonial no contraste imaxinario luz-escuridade que distingue a luz da vida das tebras do Máis Alá.
É sabido que o episodio final do Don Xoán, o convite á caveira ofendida, está inspirado nun relato tradicional do que en Galicia, como no resto da península, temos varias mostras como esta que nos vén de Doade, en Sober.
Un veciño cruzaba de noite polo camposanto parroquial cando viu un vulto do que emanaba unha especie de relampo. Sen pensalo, deulle unha patada e aquilo rodou, e até xemeu un algo.
Chegou á casa e dispúxose a cear. Entón foi cando viu sobre o mesa unha caveira, mais o home, coma se nada, díxolle: Se queres cear, póñoche prato! A caveira respondeu: Non quero cea; só veño dicirche que como non respectaches o meu descanso, mañá irás facerme compaña ao camposanto!
Representamos as caveiras dos mortos cos calacús, ofrecémoslle comer castañas e luz coas lámpadas, enfeitamos con flores impregnadas de olor de santidade as súas moradas, conversamos con eles e pregamos pola súa felicidade eterna.
E aínda, se for preciso, podemos achegarnos a Portalén, petouto encabalgado cunha abertura que hai no Monte do Seixo, na Serra do Cando. Se van alí deben levar algún presente para comer e beber, pan e viño preferentemente, e unha candea coa que alumar o momento pois o encontro debe realizarse a media noite.
Poden preguntarlle ao seu defunto o que desexen e as respostas víranlle, cumpridas, dacabalo do vento. Mais, ai de vostede se revela o alí falado! Tomaráselle a voz e será por sempre vítima dun incurable rouquén.
©Antonio Reigosa
Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 2 de novembro de 2020.