Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Entroideando

Convídame a xente de Orgullo Galego e agradecido acepto a súa proposta de conversar hoxe, 13 de febreiro, sobre “Simbolismo do Entroido. Orixe e aspectos xerais” nas II Xornadas online sobre o Entroido de Galiza que se están desenvolvendo de maneira telemática, acceso libre, na plataforma Twitch. Pódese asistir e incluso participar nos directos en tempo real ou recuperar os arquivos videográficos das diferentes intervencións. Tamén teñen canle en youtube e podcast. Nos días precedentes e nos que aínda quedan destas xornadas fóronse dando a coñecer varios entroidos tradicionais como o de Cobres, Sande e Maceda, e falase do rito, simbolismo e significado desta importante celebración do noso ciclo festivo anual.

A min tócame tratar o tema do simbolismo, aspecto clave, seguramente ignorado ou esquecido —como soe suceder en calquera rito relixioso— por parte dos actuantes e oficiantes dos entroidos galegos. Os símbolos, aínda que xa non comprendamos o seu primixenio significado, seguen sendo imprescindibles para amalgamar o arraigo dunha tradición —enténdase como aquilo que vindo do pasado ten algún sentido no tempo presente— e dunha cultura.

Des que hai memoria documentada, sabemos que sempre houbo nestas datas celebracións rituais con moi parecidas características. Non é casual o momento do ano en que se celebra, fin dun período escuro e frío, o inverno, que anuncia o progresivo renacer da vida fértil tanto na terra como nos animais, un preludio da primavera que xa se celebraba nas Antesterias gregas e nas Saturnalia, Parentalia, Lupercalia ou Matronalia romanas.

Nos días do Entroido imponse o caos teatralizado, ritualizado e perfectamente controlado. A obra que se representada en escenarios comunais é unha catarse, unha parodia que se serve de recursos como a risa ou a burla, a desorde, a transgresión e a inversión de roles de clase, de xénero, sociais..., un ensaio da ruptura temporal das estritas normas que gobernan as nosas vidas o resto do ano.

Mesmo hai elementos que nos fan pensar na escenificación dunha loita entre a vida e a morte, pois Febreiro nas culturas clásicas foi o mes dedicado aos mortos tanto en Grecia como en Roma. No mundo cristián, coa corentena de purificación pertinente, represéntase coa confrontación entre don Carnal e dona Coresma mentres se prepara para celebrar a resurrección do seu deus.

É verdade que os entroidos actuais xa non conservan a profunda emotividade dos de antano. Todo muda. Mudaron as formas de vida e apareceron novas motivacións económicas relacionadas co turismo e cos intereses da hostalería que converteron moitos destes entroidos en simples concursos. Aínda así, os elementos que permanecen inalterables —vestiarios e ornamentos singulares, algúns actos rituais, tradicións comunitarias...— permítennos intuírlle un pasado de profundos significados simbólicos.

Obviamente, as maneiras de vivir inflúen en como entendemos o Entroido no presente; pretender que se mantivese fosilizado como hai cen, douscentos ou mil anos, non só non tería sentido, senón que acabaría por ser a súa condena.


© Antonio Reigosa


Serie: “Andel de marabillas”, El Progreso, 13 de febreiro de 2023


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: