Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 096: O lobado

O lobo ten tres caras: a dos contos, a do mito e a do animal real, o depredador máis odiado ca amado a pesar de estar en perigo de extinción. O lobo dos contos é un pailaroco, sempre humillado polo raposo pillabán. O lobo como animal mítico é máxico, fascina coa mirada e os seus ollos aluman como brasas na escuridade da noite. Nas crenzas populares, o lobo forma parte do exército endiañado e salvaxe.

Lobado é o nome dunha doenza de orixe bacteriana que padecen certos animais. Pero tamén se lle di lobada, alobada ou alobadada á vítima mordida pola boca do lobo. A xente que coma esa carne morrerá pois, segundo recolle Laureano Prieto polas terras da Gudiña, o lobo ten veleno na punta da lingua e contaxia o que toca con ela.

Só existe un remedio para coutar este mal mortal tanto en animais como en persoas; beber auga que fose pasada pola traquea do lobo. Enténdase que esta operación pode e debe facerse co lobo xa defunto.

Fíxense nas diferenzas. Os cans soen lamber as propias feridas e xeralmente iso axuda a que se curen. Se os lobos fixesen tal, morrerían envelenados por si mesmos.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 14 de xaneiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: