Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 092: Visións da raíña Goto

Godo ou Goto Núñez, viúva de Sancho Ordóñez, rei galego entre 926 e 929, profesou como relixiosa despois do falecemento do esposo en Castrelo de Miño, lugar onde sucederon as visións que relatamos. A raíña quere saber, a cambio dos preceptivos sufraxios, como lle vai ao marido no Outro Mundo.

O rei Sancho aparéceselle un sábado atado con cadeas e escoltado por dous demos —evidencia de que anda penando no Purgatorio— e pídelle que persevere nas rogativas. E ela, co ánimo de salvar a alma do marido, entrégalle ao sacerdote unha pelica.

Corenta días despois —seis semanas, en realidade— dona Godo recibe resposta. Tamén en sábado aparéceselle de novo o propio rei vestido desta volta de branco e cuberto coa mesma pelica que a raíña ofrecera, e cóntalle como grazas a ela se librou da pena eterna.

Dona Godo, emocionada, quixo darlle un abrazo ao rei pero non puido consumalo, aínda que ao intentalo conseguiu apreixar entre as mans un anaco do pelico.

Milagre! O abade de san Estevo de Ribas de Sil comprobou que o fragmento correspondía co que lle faltaba á prenda que ofrecera dona Godo.


SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 8 de xaneiro de 2021.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: