Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 066: Santo André e as ánimas
Como onte foi o día de santo André direilles que o seu santuario está a carón duns impresionantes cantís, en Teixido, A Régoa, Cedeira. O edificio, moi reformado nos ss. XVII e XVII, ten orixe no XII e, tras o de Santiago en Compostela, é o de maior atracción de devotos.
Ademais dos ritos relixiosos, misas, bendicións, ofrendas e peticións para a curación de males de todo tipo de persoas e animais, con representación das partes doentes con exvotos de cera, practícanse alí outros rituais alleos á ortodoxia da igrexa.
Antes os devotos ían a pé por aqueles montes e acostumaban deixar en determinados puntos da rota pequenas pedras amontoadas, que son almas, chamadas amilladoiros. Baixaban o costa de xeonllos e pasaban tres días sen comer nin durmir.
Tras a morte, as ánimas dos que non foron en vida peregrinan en figura de animais —lagartos, sapos, cobras...— polo que cando se ven nos camiños non se poden tripar.
Estas ánimas tamén viaxan invisibles, ocupando asentos presuntamente baleiros que os familiares reservaron no autobús. Iremos, abofé, ao santo André!
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 1 de decembro de 2020.