Micromitos 062: Como naceu o Pindo
O Monte Pindo é unha pedreira enorme situada no concello de Carnota, un lugar privilexiado da beiramar e sen apenas vida vexetal, que cruza o río Xallas para acabar desembocando na fermosa fervenza do Ézaro.
Xa dixemos que o Pedregal do Pindo fora creado por un meteorito que escachou e esparexeu por alí en anacos. Outros din que antes era un bosque pero que foi devorado por un incendio que durou sete anos.
En canto á orixe dese lume que queimou a terra polo que endexamais se rexenerou a vexetación, hai varias teorías. Unha ten que ver co mito do Medulio aínda que desta volta o suicidio colectivo sería consumado nunha pira comunal. Outra di que o causante foi un terrorífico dragón que vivía na chamada Cova da Serpe ou da Serva.
E os dragóns, é ben sabido, botan lume pola boca. Este, quizais por divertimento, ceibou nunha ocasión unhas laparadas tan grandes que prenderon no mato e queimaron durante sete anos, ademais de ao propio pirómano, toda a vexetación.
No Pindo vivían en tempos uns xigantes —quizais pereceron no famoso incendio— que serían os devanceiros dos carnotáns actuais.
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 25 de novembro de 2020.