Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 060: O paxaro azul
Xosé Luís de Percival e Luden, señor da torre de Caldaloba situada en Pino (Cospeito), cabezallo dun señorío sen documentar, rebelouse contra os Reis Católicos. Era xefe dunha seita e un dos seus discípulos, Nandiño, en vez de atender a misión de evanxelización que lle encomendaran, dedicouse á boa vida. Foi chamado a capítulo e, temendo un duro castigo por desobediente, tróuxolle de regalo ao Luden un paxaro nunca visto de cor azul metálica.
Non lle valeu a estratexia. Foi expulsado da organización e o paxaro liberado converteuse en choia.
Pasou o tempo, aumentou a sona de sabio do tal Luden, a inquisición acusouno de herexe e condenouno á ser purificado nunha fogueira.
Concedéronlle un último desexo; que a cerimonia da queima do seu corpo se celebrase aproveitando o lume da Noite de San Xoán.
E así foi. Acenderon o lume e ao poñelo enriba das laparadas o corpo de Percival e Luden inflamouse. A seguir, envolveuno un fume azul metálico, como a da plumaxe das choias, e desapareceu.
Agora en Caldaloba, memoria adormecida, só habitan as choias.
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 21 de novembro de 2020.