Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Cortar o cormo, cobro, codo ou trobo

Cando era pequena, menos de seis anos, leváronme cortar o cormo. Foi en Matamá, unha das parroquias de Vigo. O que lembro é que me levaron a unha casa e, na cociña, onde estaban dúas mulleres, tombáronme nunha mesa ou padiola e destapáronme a barriga. Algo fixeron nela, non lembro o que. E aí rematan as miñas lembranzas. 

O motivo de me levar a someterme a tal rito debeu ser que eu adoitaba ter gastroenterite. Despois de escribilo un día nun artigo, por petición de Antonio Reigosa, busquei máis información. 

Cónstame que tamén en Valadares se lle dicía CORTAR O CORMO. A miña sogra, Carme Fernández, que  xa faleceu, si sabía do tema e usaba esa denominación. A miña nai, Teresa (76 anos) dime que na Ribeira, en Vigo, dicían Cortar o Trobo, mais non me sabe dicir xa de que trataba o tema. 

Preguntando a outros colegas, dei cunha muller de Coruxo duns 80 anos que lembra perfectamente como era o rito pois ela mesma levou un seu fillo a que llo fixeran. 

Ela denomínao CORTAR O COBRO e este é o seu relato, adornado cos trazos dialectais propios desta zona, coma o seseo predorsal e a gheada aspirada: 

«Como o neno non comía, choraba moito e doíalle a barriga, levouno a unhas mulleres para que lle cortaran o cobro. O rito consistía en que, sobre a barriga espida, facíanlle cruces cunha moeda de cobre que previamente impregnaban en farruxa (cinza), mentres dicían: 

“Córtoche o cobro 

córtoche o aire 

brughería 

o malo todo

         que nunca ti medres 

nin vaias parriba 

un padre nuestro 

e un ave maría” 

O rito repetíase durante nove días, sempre de día, non podía ser de noite, cada día había que ir á casa da curandeira e volver pasar todo o rito sen poder lavar as partes en que se realizaba». 

O rito tiña que se facer con toda a seriedade, pois como ela nos conta, houbérona botar fóra un día que levou unha sobriña que deu en rir durante o proceso. 

Talvez haxa mesmo certo secretismo sobre o tema, pois o que comprobamos é que só gardan memoria disto as persoas que pasaron por el. 

 Texto elaborado por Marta Dacosta, Gondomar (Pontevedra), remitido en abril de 2021. 


 

Semella a  mesma doenza que V. Lis Quibén denomina MAL DO CODO e que se caracteriza porque á nena ou neno avúltalle un saínte ou prominencia no ventre. Rexistrouna en Mourente, Pontevedra, e para curala bendicen  a criatura cunha moeda de Carlos III, facendo cruces sobre a barriga e repetindo un ensalmo —tres veces seguidas, pola mañá e pola tarde durante nove días 

 que dicía: 

Córtote Codo, 

córtote sollo, 

atrás vaias 

adiante non corras. 

Pola Gracia de Dios 

e da Virxe María 

un Padre Nuestro 

e un Ave María. 

©galiciaencantada.com

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: