Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 056: A enfornada
No lendario soe influír algún feito real ao que se engade unha presada de fantasía. Velaí un bo exemplo.
Na parroquia de Triabá, Begonte, vivía unha muller chamada María Fernández de la Barrera. Tiña sona de malvada, capaz de botar o mal de ollo e de facer padecer á veciñanza.
O 20 de setembro de 1890 desapareceu. Foron detidos, xulgados e condenados dous mozos, un sobriño dela, aínda que non se descarta que colaborase no asunto algunha persoa máis. A acusación, matar e queimar nun forno de cocer o pan, e despois esparexer nun regato as cinsas da coitada. Pero é que a vella despois de morta e incinerada seguiu facendo mal, sobre todo aos seus propios asasinos.
Disque provocou que fosen mirrando pouco e pouco ata morrer. Cando finou o último, os médicos quixeron saber que mal causaba aquel andazo en xente tan nova e decidiron facerlle a autopsia.
A sorpresa! Dentro do corpo non había nada; nin entripado nin órganos. Nada de nada.
Esta historia cóntase moito de boca a orella pero quen mellor a narrou foi o xenial Xabier P. Docampo en Cando petan na porta pola noite.
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 16 de novembro de 2020.