Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 053: A serpe do Piago

O pozo Piago está no río Miño, en Robra, Outeiro de Rei, entre os penedos, sendo parte dunha paisaxe paradisíaca con fervenza e caneiro. Conta Orlando Viveiro en Cadernos de Estudos Chairegos, nº 9, que neste pozo, grande, sen fondo, botaron unha serpe xigante os veciños de Martul.

A cobra tiña o niño no curuto das Penas do Castro e acabáballes con todo canto tiñan. Non había maneira de pillala ata que se lles ocorreu unha estratexia. Prepararon un carro cos fungueiros moi afiados tirado por dous bois. A serpe, ao ver os bois alangreaba e papou todo, bois e carro, incluídos os fungueiros que a desangraron.

Despois de morta levárona ao Piago, profundo e escuro, e seica por onde arrastraba a cola, envelenaba o chan. Pasou moito tempo ata que brotou algunha herba onda caera a pezoña.

Este mitema que narra métodos enxeñosos da comunidade humana para desfacerse dunha serpe abominable ou dun dragón repítese con frecuencia por distintos lugares. Os recursos que se empregan mudan pero sempre é o humano, por veces coa intervención divina, o que dobrega o monstro.

Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 12 de novembro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: