Actualizado en data 19/04/2021

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Micromitos 039: Cabalos

Os cabalos, brancos ou negros, acuáticos, terrestres, de lume e aéreos, son animais simbolicamente moi importantes. Neles foxen, tras o desencantamento, as mozas encantadas. Son o animal preferido dos mouros —que os levan beber por camiños soterrados—, e a figura preferida para transformarse do diaño bulreiro e dalgunhas bruxas.

Ver un cabalo pantasma avisa de morte inminente, ou, incluso, tal o cabalo da fiaña, pode ser a propia Morte. Santiago, a Virxe, o Demo e outros personaxes viaxan en cabalos que deixan nos rochedos, tras dar brincos imposibles, a pegada perenne das ferraduras.

Hai cabalos máxicos que trotan á velocidade da luz, do vento ou do pensamento. Mesmo causan pavor os cabalos da Garda Civil que F. García Lorca retrata: “Os cabalos negros son, as ferraduras son negras”.

E cabalos negros son, segundo conta X. C. García Porral, os que montan os mouros do castro de Baroncelle, en Carboentes, Rodeiro. Escóitanos trotar pola noite e polo día vense as pegadas das ferraduras na lama das congostras, os valados desfeitos e as cancelas esmendrelladas.

SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 23 de outubro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: