Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Micromitos 015: A espada de Brandomés
Grazas ao proxecto didáctico do IES Marco de Camballón, coordinado por Sèchu Sende, soubemos que en Brandomés, Brandariz, Vila de Cruces, hai unha imaxinaria espada de ouro mergullada no río Ulla. Puido pertencer a un guerreiro e despois botaríana ao río no Pozo dos Peres ou do Tesouro.
É frecuente atopar depósitos con machados de bronce nos leitos dos ríos, como ten sucedido no propio Ulla, pero no lendario escasean as referencias a espadas, aínda que as hai a armas dos mouros, sen concretar tipo.
Os xigantes que gardan tesouros adoitan ir armados con espadas, como o da Fonte Pormás ou o do Pico Sacro. O apóstolo Santiago caracterizado de matamouros usa espada, e san Campio sabre.
Noutros contextos fálase de Excalibur, a espada do rei Arturo, e de Durandarte, a de Roldán coa que fixo dúas enormes fendas na Pena Roldán de Guitiriz de regreso ás Francias.
No desaparecido (esnaquizado coa arela de atopar un tesouro) Penedo das Sete Espadas de Asperelo, O Entrimo, víanse gravadas as imaxes das sete armas que usaran uns guerreiros castrexos contra unha invasión de serpes.
«⇔»
Serie: Micromitos Publicación: Nós Diario, 19 de setembro de 2020.
Locución audio: Rocío Romero Otero