Actualizado en data 25/11/2020

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 011: As ordalías

As ordalías, xuízos ou xustiza de Deus, institución xurídica de carácter máxico-relixioso con orixe antiga e incerta, tiveron vixencia nos reinos cristiáns europeos ata a Idade Media.

As ‘probas de verdade’ ás que se sometían as vítimas eran moi variadas e violentas. Torturábase de moitas maneiras; con lume e ferros candentes, veleno, auga, simulacros de afogamento, leas, combates ou duelos, e ata se consultaba o criterio oscilante das pedras de abalar.  Hai moitas en Galiza das que se asegura que cumprían esta función: a da Barca, en Muxía, ou a Abaladoira do Pereiro, en Alfoz, por exemplo. Os xuíces canónicos descansaban a resolución da inocencia ou culpabilidade do reo segundo superase ou non probas tan bárbaras.

Unha variante consistía en someter ao sospeitoso, debidamente atado, a baños de auga fría nun río ou no mar. Se afundía considerábase inocente; se aboiaba, culpable. Claro que podía suceder que sendo absolto pola xustiza divina, acabase cadáver pola impericia humana.

Tamén se usaba auga quente na chamada pena caldaria. Sobre a realización desta proba en Lugo contaremos mañá.

SerieMicromitos

Publicación: Nós Diario, 15 de setembro de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: