Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Micromitos 010: Os Remedios

Como todo santuario de prestixio, o dos Remedios de Mondoñedo rexistra unha considerable nómina de prodixios. A unha muller que se empeñaba en lavar a roupa en domingo, avisouna a Virxe cunha treboada descomedida. Entón entendeu; amais de non lavar os domingos, encamiñou un fillo para crego e unha filla para monxa.

Da visión de fantasmas polos arredores falaba a prensa en 1904. Seica se vía por alí a figura dun home cuberto con túnica negra e laiando. Unha ánima penando, probablemente.

E un milagre de auxilio castrense. No amencer dun día de outubro de 1687, en Orán, cidade ocupada polo exército español, houbo unha explosión nos apousentos de baño dos escravos. Parece ser que se dispararon armas, arcabuces e mosquetes, que se derrubou o teito e caeu enriba dos soldados, matando e ferindo.

O militar Francisco Ramos quedou debaixo daquel montón de cascallos unhas seis horas pero cando xa non había esperanza, rebuliu. Destaparon e, efectivamente, atopárono vivo e sen mancadura.

Dixo que se encomendara á Virxe dos Remedios, agarrándose a unha estampa que levaba.


SerieMicromitos Publicación: Nós Diario, 12 de setembro de 2020.


Locución audioRocío Romero Otero

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: