Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Opiorfina

Na sala na que se expón a cerámica de Sargadelos no Museo Provincial de Lugo amósanse tres cuspideiras fabricadas na vella fábrica de Cervo no s. XIX.

Cuspideira. Sargadelos. s.-XIX. MMPLugo

Cuspideira. Sargadelos. s.-XIX. MMPLugo

As cuspideiras, que soen ser pezas elegantes, algunhas con mango e tapadeira, usáronse nas casas nobres ata ben entrado o s. XX para recoller a saliva humana, para que non se tivese que cuspir, ouriñar ou defecar, como sucedía nas dos pobres, na corte ou nun penico. Adoitaba habelas tamén en tabernas e pousadas, barberías, estacións e salóns de baile e cine, consultas de sacamoas e transportes públicos.

Usábanse para cuspir e para expectorar, e segundo o deseño e o material do que estivesen feitas (arxila, vidro, metal, madeira, ouro, prata, latón ou louza) así era a categoría da casa onde as había. Nas tendas de segunda man aínda se poden atopar algunhas destas cuspideiras antigas, fermosas e caras.

Na Exposición Universal de Paris de 1900 presentáronse modelos de cuspideiras de peto e de vía pública, deseñadas co ánimo de axudar a combater o noxento costume, xa entón de moda, de cuspir na rúa. Non tiveron éxito.

O cuspe humano formou e forma parte de varios ritos curativos tradicionais, imitación seguramente do milagre que fixo Xesús Cristo cando curou a Celedonio, aquel mendigo cego de nacemento ao que lle aplicou nos ollos lama formada coa súa propia saliva e terra do camiño. Tamén cuspía sobre o doente Pedrón do Freixo, curandeiro afeccionado pontés, falecido hai pouco.

Cuspir, a pesar de ser necesidade fisiolóxica ineludible, está mal visto, polo menos facelo diante dos demais, por educación pero sobre todo por hixiene e prevención pois o cuspe (incluído o que se intercambia inevitablemente nos bicos de lingua) pode ser emisario de contaxios.

Resulta curioso, en cambio, que algúns deportistas como os futbolistas e os atletas (outros non poden ou non deben, depende da disciplina que practiquen) gocen da liberdade de cuspir no campo de xogo coa única limitación de non facelo enriba dun contrario, do árbitro ou dos espectadores.

Mais, quen non cuspiu de cando en cando as palmas das propias mans antes de manexar unha ferramenta, de coller un volante ou para refrixeralas, arrefrialas ou quentalas, segundo as necesidades do momento!

Cando eramos mozos e descubríamos niños de paxaro procurabamos non dicirllo a ninguén pero en caso de que sentísemos a necesidade, moi frecuente, de revelar o segredo non o debiamos facer sen antes botar un cuspiñada; en caso contrario, botaríanse aos niños unhas formigas perigosísimas, as Formigas de Belén, e desfaceríanos completamente.

Segundo estudos realizados recentemente por unha academia dinamarquesa, canto máis cuspe tragamos do propio que producimos mellor pois sintetiza opiorfina, un analxésico natural seis veces máis potente que a morfina e que acrecenta a sensación de felicidade.

Procuremos, xa que logo, ser felices. Agás que sexa vostede un dragón e expectore lume, cuspa o que poida pero sempre para adentro e, sobre todo, nunca, endexamais cuspa para arriba que, segundo o dito, o que mal cuspe, en si o ve!

©Antonio Reigosa

Serie: “Andel de Marabillas”, El Progreso, 6 de abril de 2020.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: