Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Como era o meu Antroido: Zoñán (Mondoñedo)

Época: 1965-1975

Idade da persoa informante nesa época: Entre 8 e 15 anos

Lugar: Zoñán (Mondoñedo).

Contexto: Rural.

Denominación local: Antroido.

Máscaras: Eran invariablemente de confección propia. O normal era a inversión de sexos; que os mozos se vestisen de mulleres vellas e as mozas de homes tamén vellos. Aproveitábase a roupa inservible, colchas rotas e outros trapos que houbese pola casa, desde panos a mantelos, cadaquén coa súa capacidade para disimular a súa verdadeira identidade.  Uns facíanse os coxos, outros os chepudos, os máis facíanse mudos e os que tiñan capacidade para mudar de voz simulaban ser muller ou home en función do disfrace.

As caretas facíanse ou de tea ou de cartón (caixas de zapatos, o que houbese); ás veces tinguíase a cara cun tizón e non se usaba careta.

Correr o Antroido: Dependendo un pouco de cando cadrase o Martes de Entroido, máis cedo ou máis tarde, as Máscaras comezaban a circular polas casas pouco despois de Reis, sobre todo nas noites de fin de semana.

Xeralmente formábanse grupos, non moi numerosos, de mozos e mozas adolescentes aos que acostumaba acompañar algún adulto. Ás veces levaban un moneco de palla, vestido  con roupas vellas que representaba ou personificaba o Antroido.

Petaban nas portas das casas. Se os da casa recoñecían a alguén dos enmascarados, este descubríase e a partir de aí o grupo era convidado a entrar e agasallado con comida (xeralmente filloas e outras sobremesas propios da época) e bebida.

Se ninguén do grupo se daba a coñecer, xeralmente non se lles deixaban entrar, aínda que se lles podía dar algún agasallo. Chourizos, carne ou filloas. Incluso cartos.

A gracia estaba en ir descubrindo quen integraban a mascarada ata que se descubrían todos, uns forzados porque foran recoñecidos e outros por propia vontade. E daquela casa, a outra. Tiña moito mérito descubrir todas ou a maioría das máscaras.

A ronda polas casas da aldea e incluso polas dalgunhas aldeas veciñas remataba co Martes de Entroido.

Non era raro que un par de grupos enmascarados, sobre todo se os compoñían mozos xa feitos e dereitos, rematasen a xornada a paus, correndo uns tras doutros polas corredoiras.

Comidas: “Alegría, alegrote, que está o rabo do cocho no pote”.  O menú era, invariablemente, un bo cocido con carne de porco variada (chourizos, chanfainas, costela salgada, orella, dente, touciño....), incluído o rabo, que se reservaba para estas datas con uns bos cimóns. A sobremesa era invariablemente a base de filloas, chulas e orellas.

Imaxe: El Pueblo Gallego, 24 de febreiro de 1974.

Informante: Antonio Reigosa Carreiras

 

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: