Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Fabas contadas

Seguramente xa o saben; hoxe, 10 de febreiro, é o Día Mundial dos Legumes.

Dicíamos en artigos precedentes que comer fabas o día de S. Brais provoca ventoeiras, e que as fabas negras axudaban en tempos romanos a conxurar os espíritos —lémures e larvae—dos mortos.

Pitágoras, matemático e filósofo grego, odiaba as fabas. Cría que nelas moraban as ánimas dos devanceiros e que quen as comía podían estar papando, sen sabelo, a seu pai ou a súa nai.

A obsesión de Pitágoras tiña que ver coa denominación “campo de fabas” que os antigos exipcios lle daban ao predio onde as ánimas agardaban a hora da reencarnación. Saiban que Pitágoras morreu escravo das súas crenzas pois por non querer cruzar un campo de fabas cando o perseguían foi atrapado e asasinado. Dalgunha maneira, volveuse faba!

Se atendemos aos gustos culinarios, Pitágoras non podería ser galego. Rosalía de Castro en Cantares Gallegos exprésao mellor: “As fabas i as balocas xuntamente / co touciño sabroso nel se vía / en compaña amigabre e farturenta / que alegra, que convida e que sustenta”.

Pero deixemos a Pitágoras, o caldo, as múltiples variedades de faba que cultivamos, comemos e celebramos en festas de exaltación, esquezamos o flato que provocan nos nosos ventres e fixémonos nos poderes máxico-simbólicos da saborosa faba.

Se queremos descubrir se asiste a misa algunha bruxa hai que botar na pía da auga bendita unha vaíña de nove fabas; se hai bruxas dentro da igrexa, non poderán  saír, quedarán maxicamente delatadas, apegadas aos bancos onde sentan.

En Galicia, que eu saiba, non se recolleron versións orais dun conto tradicional rexistrado no Reino Unido coñecido como “Jack e as fabas máxicas”. Conta, xa o saben, que o tal Jack, neno pobre, orfo de pai, consegue, grazas a unhas fabas máxicas que crecen ata máis arriba das nubes, o tesouro dun ogro ou xigante que vive polas alturas. O haber permítelles a el e á súa nai vivir felices polo resto dos días.

Nós non temos o conto pero si unha lenda localizada nos Penedos do Treboal, Os Blancos (Ourense), aínda que cun final infeliz. As mouras que viven por alí ofrecéronlle a María, unha rapariga que andaba alindando polos arredores, regalarlle un cesto de fabas que se converterían en pebidas de ouro se non llo contaba a ninguén.

María prometer prometeu pero, en chegando á casa, a nai non parou ata facerlle confesar. E confesou. E as fabas non deixaron de ser fabas e María acabou devorada polas mouras antropófagas que o celebraban cantando: Mariquiña, Maricola, con aceite e allo, metida na barrigola!

Quedémonos coa sospeita de que algo teñen as fabas cando nas Saturnais romanas, que se celebraban polos mesmos días do noso Nadal, xa se elaboraba e comía unha torta na que se agachaba unha faba. Xogaban os escravos, o que atopaba a faba era elixido rei da festa e quedaba liberado de traballar, cando menos un día.

Agora, o pastel ou rosca de Reis, á parte de ocultar ovos, figos, mel, moedas ou figuras, tamén esconde unha faba; quen dea con ela entra con ventura no Aninovo.

Outra cousa é que a sorte, sempre esquiva, nos asista. Fabas contadas!

©Antonio Reigosa

Artigo publicado en El Progreso. 10 de febreiro de 2020


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: