Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 15 (2019).SOLLA, Calros : A destrución da necrópole megalítica do San Domingos (e II)

Os túmulos neolíticos inspiraron o folclore de mouros e tesouros agochados. A destrución dunha mámoa é unha lamentosa perda arqueolóxica coa que tamén se vulnera a integridade do noso patrimonio inmaterial.

©Calros Solla

Retratámonos sorrintes diante da mámoa do San Domingos (Xirasga-Beariz). Malia fotografarnos ao pé dunha tumba milenaria, o moderno sensor de silicio non foi quen de captar aparición espectral ningunha, quizais porque non se pode inmortalizar o que xa está morto. O señor Aurelio, mentres a cámara pestanexaba por tres veces, aproveitou para enfiar tres relatos que un non debería crer se non fosen verdade. Os túmulos neolíticos inspiraron o folclore de mouros e tesouros agochados. A destrución dunha mámoa non é só unha lamentosa perda arqueolóxica, senón que a súa desaparición tamén vulnera a integridade do noso patrimonio inmaterial. Oídos atentos, pois:

“A xente desfixo moitas mámoas pensando que había un tesouro nelas. Tesouro pode haber, pero non é do tempo das mámoas, porque o avó de meu avó era da Bouza, e topou un tesouro nunha mámoa. Resulta que hai o castro de Gharfián polo lado de riba e A Bouza do lado de acá. Vai ti saber se alghén, cando veu unha gherra, dixo: “O pouco que teño vouno enterrar alí, na mámoa, para, cando sexa, tomala como punto de referencia”. Pero o diñeiro non pertencía á mámoa, porque no tempo das mámoas non había diñeiro. O tesouro compúñase de moedas de ouro. O meu tataravó, coñecido polo Tío Currás −dos Currás da Bouza−, era louseiro, e facendo na lousa, a veta cadrou de pasar polo medio dunha mámoa. Pico e pa, sacando a terra pra atrás, caéronlle as moedas de ouro polos xeonllos abaixo. Entón, recadounas na chaqueta. O Tío Currás díxolle ao fillo (ao meu avó): “Botei un aturuxo que resoou o monte vello da Bouza e mais o de Gharfían todo. Fódete louseira, que de louseiro non traballo máis!!”. Colleu os picos, as macetas, a ferramenta toda; envolveu as moedas de ouro na chaqueta e mais a ferramenta e marchou cantando para a casa. E de louseiro non traballou máis. El calou a boca, non deu explicacións da riqueza. Isto aconteceu mediado o século dezanove. A moeda de ouro naquel tempo era a libra, a libra de ouro; era unha moeda normal, non pesaba unha libra”.

E sen deixarnos coller alento, o señor Aurelio proseguiu:

“Para alá da Hedreira (Couso-Avión), hai unha ponte romana e tamén había un tesouro. Estaba o monte todo picado, desfixeran a ponte toda, e ninguén topaba o diñeiro. Un de alí foi traballar para Portughal e oíu falar nun bar a uns mouros que estaban lendo no libro (no Ciprianillo). Acheghouse a eles −que falaban medio en castelán− e dicían: “Quién nos diera lo que dejaron nuestros antepasados en el puente de Casariñas!”. “Carallo! −dixo−. De alí son eu”. E como lle soaba o do tesouro, foise arrimando a eles e convidounos a unha copa. Tanto lles deu de beber que lle cantaron todo: “En el puente de Casariñas, dirección del naciente, tantos pasos para aquí, hay un penedo; tantos para allí, hay otro; tiene una cruz, tiene esto, tiene esto otro; al pie de aquel, hay −como dicía o libro antighamente− un pote de tres pés coa súa tapa de pote tamén, cheo de libras de ouro”.

E entón o home reghresou para Ghalicia con apuro. A muller pensou que viña enfermo. Había tres días que marchara. “Pero ti, que che pasou?; vés enfermo?” −díxolle á muller. “Cala a boca, non pasou nada. Mañá imos ao toxo á Casariñas” −respondeulle el. “Ti estás tolo, témolo aquí ao pé da porta e imos ir á ponte de Casariñas polo toxo” –protestou a muller. “Cala a boca, que certei do tesouro; os mouros dixéronme do tesouro” Convenceuna.

Ao día seghinte, alá en Casariñas, díxolle o home á muller: “Bota un feixe de palla no carro. Aghora ti cortas un pouco toxo para despistar o caso”. Ela púxose a cortar no toxo. El púxose, seghundo lle dixeran os mouros, a medir os pasos: na dirección daquel penedo, tantos para a dereita, tantos para a esquerda; pico e pala, ata que topou o pote. “Aquí está, aquí está, cheo de libras de ouro!!” −berrou. E entón viñéronse para a casa, puxeron o toxo por riba... “Pouco toxo traedes” –díxolles un veciño. “Non, é que vimos de moi lonxe. Fomos a el a Casariñas que o de aquí é máis bravo” −atallaron.

Tantas libras vendeu que lle chamaban o Caghalibras de Casariñas. Pero el calou a boca. Antes andaban os prateiros polos lughares vendendo reloxos, cambiando reloxos, comprando cadeas, vendendo cadeas; como aghora, compraban e vendían ouro. E a cada prateiro que cheghaba por alí, el vendíalle unha moeda para o seu arreghlo. E de aí que andase polo Caghalibras”.

Moito lle rimos o conto ao señor Aurelio e moito agradecemos ter coñecido ao que, sen dúbida, é o bearicense máis enxeñoso. O señor Aurelio, que non dá tregua, aproveitou para entoar a súa coñecida cantata: “Oremos, atrás das mozas andemos, e as vellas non as despreciemos. Aleluia, aleluia, cada uno con la suya...”.

Os tesouros, os santos enterrados, as curacións milagrosas, o sincretismo relixioso... Con todo e iso, o lucus do San Domingos aínda non nos revelara todos os seus segredos. Eis os baños do San Domingos, eis os mananciais de auga medicinal, soterrados nunha leira próxima (Campo da Cruz), a uns 150 m da capela, cara ao noroeste, sobre a marca de deslinde. Volve tomar a palabra o señor Aurelio:

“No Campo da Cruz, aí mesmo, están os baños. Moi antighos. O Campo dos Baños ten tres fontes. Hai anos, toparon unha pía de pedra. Ao señor Filipe, natural de Dozón, tivérono a xornal para descubrir os baños e topou unha pía. E falouno. Pero, daquela, o médico e o farmacéutico déronlle corenta pesos dos de prata para que calase a boca e que dixese que se se abrían os baños, se soltaba un volcán de agua que inundaría Presqueiras, e que por iso os celtas e os romanos fixeran por tapalos. O pai do médico era compadre de meu avó e dicíalle: “Compadre, porra, se se abren os baños, a farmacia vai pró carallo!”. Non ía, non; ao contrario. A pía está enterrada, pero coñécese onde está. Nesa propiedade tamén se toparon madeiras de haber casetas, táboas, pontóns, trabes... Os baños están no linde pero xa pertencen a Forcarei (Pontevedra). A augha é fría, nace na terra, e non cheira, pero seica son aughas moi medicinais. No ano da concentración parcelaria, eu collín unha ghripe tremenda. Pero puxen a ghabardina pola cabeza e fun ata Punxín, onda os da concentración. “Seghundo estás, aínda vas caer polo camiño” –díxome unha veciña. Cando cheghei ao pé dos baños, aínda que non se podía beber esa augha, que o prohibira o médico, dixen: “Se morro, morro ao pé do San Domingos e se non morro hoxe, non morro máis”. Entrei, bebín na augha das tres fontes: na da cima, que está ao pé do muro, na do medio e na do lado de alá. Cando de volta cheghei a casa, xa estaba curado. E era unha ghripe do demo. As fontes nacen na terra, vertentes á Devesa de Arriba. Antes estaban ben tratadas, aghora, ao mellor, teñen un metro de terra por riba”.

Imos dando a despedida. Ando e ando o país e non me dou vacinado. A nosa riqueza patrimonial é tan exuberante coma o noso desleixo. Podendo administrar o ouro dos mouros, sempre nos acabamos contentando coas rosquillas do santo.

www.tabeirosmontes.com (21-7-2019).


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: