Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Lagarto, lagarto!

As dúas especies de lagartos que predominan en Galicia son o lagarto arnal, verde moteado, e o lagarto das silvas. Son amantes dos baños de sol e teñen querenza polos muros, rochas e árbores. Unha enigmática copla moi popular di:

A saia da Carolina

ten un lagarto pintado;

cando a Carolina baila

o lagarto dálle ao rabo.

Dise no Dicionario dos seres míticos galegos que é crenza estendida que o lagarto é animal velenoso, non só pola súa mordedela, senón polo aire que causa: o perigoso aire de lagarto. Tamén  transmiten o seu veleno as roupas que se puxeron a tender e nas que pisou o lagarto. Veleno que causa pezoña, sobre todo cando está tourento (en celo) que se manifesta en ronchas esparexidas polo corpo que reproducen a figura do animal, e que se volve ameazante para a vida da persoa cando o lagarto medra tanto que a cabeza e a cola do animal envolven o corpo ata tocarse. A doenza chámase colleitizo e orballo.

Sempre se dixo, sobre todo do lagarto arnal, que son inimigos das mulleres pois ao velas pónselles unha enorme dor de cabeza, por iso as perseguen. Tamén se introducen polo sexo feminino, sobre todo coa menstruación. En cambio son amigos dos homes e protéxenos das cobras. Un home pode durmir tranquilamente a sesta en pleno campo sen temor das cobras, sempre que haxa lagartos polos arredores. Cóntanse infinitos casos. Se unha serpe se aproxima, o lagarto esperta ao dormente dándolle golpes co rabo na cara, botándolle pedras, meténdolle a cola na orella, mordéndoo ou rañándolle nos pés. En Sanfiz, Chantada, din que «onde hai lagarto, hai cobra», sinal de que comparten territorio.

Lagarto arnal

Dise por Melide que os lagartos arnais cando morden unha persoa non a soltan ata que toquen a un tempo sete campás e orneen sete burros. Para que non faga mal, hai que dicir:

Lagarto arnau,

comíchelle as papas

a teu irmau.

Din que os mouros míticos poden transformarse en lagartos.

Tamén os hai que, como as cobras, gardan tesouros. Noutros tempos había lagartos xigantescos, ata que os homes acabaron con eles. Un deses casos é o que explica a orixe do apelido e do escudo dos Lousada, que se chaman así por exterminaren os lagartóns que habitaban entre as lousas; por iso os Lousada levan debuxados no seu escudo, debaixo dunhas lousas, tres lagartos.

Filtro de amor

Torrando no forno un lagarto de lombo azul vivo, facéndoo po, recollendo ese po nunha caixa de sándalo, mesturándoo en viño ou café e dándolle ese bebedizo á persoa amada conséguese o seu amor. O lagarto de dous rabos pode anunciar se unha moza lle vai corresponder ou non a un mozo

Medicinas

Co unto do lagarto faise unha pomada para curar as cambras. Tamén se curan facendo cruces sobre a pel cunha fouce mollada con sangue deste animal.

Outros remedios

O mellor remedio contra a seca consiste, disque, en queimar lagartas.

Lagartos peregrinos

Como é ben sabido, quen non foi a Santo André de Teixido de vivo, ten que peregrinar despois de morto e pode facelo transformado nun réptil. Quen vexa algún lagarto neste camiño de peregrinación, por favor, teña coidado que pode ser a ánima de calquera que vai de morto a onde non deu ido de vivo.

Lagartos de dúas colas

Tamén se conta que hai lagartos de dous rabos (e incluso de tres), que se dedican a gardar tesouros e que teñen o poder de adiviñar o número que vai tocar na lotaría. Para que funcione hai que poñelos dentro dunha caixa sobre area ou fariña, e ao cabo de nove días escriben cos rabos os números que van tocar.

E tamén hai lagartos que son, en realidade, humanos encantados por un feitizo, como o Neno-lagarto e o Home ou Príncipe-Lagarto.

O Neno-lagarto

Este relato recolleuno hai xa ben anos o Equipo Chaira no concello de Begonte.

Unha vez foron uns galegos nunha brigada segar a Castela e levaban canda eles un rapaz para carretarlles a auga, a comida e esas cousas. Un día, o dono da finca que segaban díxolle ó maioral que fose con el e que levase o neno. E foi e mandoulle facer un furado na horta, un foxo grande e moi fondo. E despois mandoulle carretar para alí un baúl que meteu no foxo e botoulle un adival todo arredpr. E o neno andaba enredando por alí, cabo deles, e o señor estivo lendo nun libro que levaba, e cando quixo decatarse o maioral, o neno volvérase un lagarto. Meteuse pola corda e marchou, e non se soubo máis del.

Viñeron para Galicia sen o neno. Preguntaron os pais por el e tiveron que mentir, asegurándolles que quedaba moi ben. Pasaron uns anos e volveu o maioral segar á mesma finca. Preguntou polo señor, pero como xa morrera, díxolle á ama se lle deixaba ler algún libro que tivese na biblioteca.

O maioral acordábase do libro, buscouno e colleuno. Logo foi onde estaba enterrado o baúl, e comezou a ler onde lera o amo pero ao revés, para atrás, ata que chegou ao final. E cando chegou ao final do que lera o señor, volveu saír o neno polo furado. E trouxo o neno para Galicia e acabouse o conto.

O conto do Home-Lagarto

Neste conto marabilloso de tradición oral, recollido en Pentes, Viana do Bolo, por Laureano Prieto dise que había un xigantesco lagarto que cando estaba á raxeira á porta da súa cova viu que un cazador lle apuntaba coa escopeta. Para que non o matase, o lagarto propúxolle un trato ao cazador. Díxolle que podía facelo rico, pois era gardador de tesouros, se lle entregaba unha das súas fillas. O cazador aceptou pero das tres fillas só a máis pequena quixo ir co lagarto.

O lagarto, contra o supoñer xeral, non a comeu; só lle puxo probas que tiña que superar no prazo dun ano, coa axuda dunha cuncha máxica.

A moza fixo todo ben, regresou ao cabo do ano e o lagarto púxose tan contento que se transformou no mozo máis guapo que ninguén vira endexamais.

Que como acaba o conto! Por favor!

 

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: