Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Manuel e o lobo

A esta xoia deulle luz don José Rodríguez Santalla, gaiteiro natural de A Lagúa (Asturias).

Ao parecer, hai moitos anos, había un gaiteiro de nome Manuel González na Lagúa, poboación lindeira coa parroquia de Marcelín (Navia de Suarna, Lugo). Nunha ocasión, e xa moi entrada a noite, regresaba Manuel para a súa casa, camiñando polo monte, despois de tocar nunha festa en Marcelín.

A medio camiño, parouse a facer un cigarro; mais, cando foi acendelo, a chama do misto alumou a varios lobos situados case ao seu carón. Os lobos, sorprendidos pola chama, recuaron un chisco. O gaiteiro, amedrentado, aproveitou para erguerse e liscar do lugar, acendendo un misto tras outro ata que se lle acabaron. Sen lume, os lobos axiña empezaron a xogar con el, tal e como fan estes animais coa xente. En plena fuxida, Manuel tivo que saltar un muro, mais, como era noite pecha, non calculou ben e caeu ao chan. E foi iso o que lle salvou a vida. Porque, ao caer, apertou por casualidade o fol da gaita e, aínda que case non quedaba aire dentro, o roncón fixo un ruído estraño que espantou un case nada os seus perseguidores. Manuel, que axiña se decatara da reacción dos lobos, pensou:

—Ai, si? Pois, se pola gaita é, de gaita heivos encher!

 Desta maneira, seguiu tocando o resto do camiño deica chegar á súa casa.

Si, cóntase que os lobos lle teñen moito medo ao son da gaita.

[Achega de Toño Núñez. Do blogue Patrimonio dos Ancares, de Xabier Moure Salgado]. Bibliog.: Toño Núñez (2017): De Navia ao ceo, AELG. (Ver)


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: