Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Santiaguiño do Monte
Se aceptamos que Santiago o Maior predicou en Hispania e en Galicia a principios do século I, en Iria Flavia, Padrón (A Coruña), lugar de paso do Camiño Portugués a Compostela, queda memoria da súa estadía neste santuario de Santiaguiño do Monte.
Tras subir, desde o Convento do Carme, os 132 banzos chegamos ao Monte de San Gregorio ou do Convento, lugar onde se sitúan a ermida, anterior ao s. XV, a casa do ermitán, a fonte milagrosa e un conxunto pétreo, todo vencellado á suposta estadía do apóstolo no lugar.
A ermida ten no interior unha imaxe sedente de Santiago que os fregueses soen tocar nos dedos (por iso os ten tan gastados) e no exterior un altorrelevo que representa o bautismo da raíña Lupa polo apóstolo.
O manancial, onde bebería e se lavaría o propio apóstolo, brotou milagrosamente logo de que este golpease na rocha tres veces co seu bastón un día que tiña sede e non había fonte onde beber. A gruta pola que corre a auga desde a capela, din que nace debaixo do altar maior, sería a cova once se gardaban o apóstolo cos seus discípulos.
Alí beben e lávanse tamén os devotos, e levan auga para as casas pois cren que “lava” todos os pecados.
O rochedo, coroado por unha imaxe de Santiago e unha cruz, o Altar do Apóstolo, ten buratos entremedias que disque fixo o apóstolo para esconderse dos que o perseguían. En tempos, os devotos subían os chanzos de xeonllos e arrastrábanse por tres ocos que hai entre as pedras chamados Gloria, Inferno e Purgatorio. Quen lograba pasar os tres buratos, conseguía o perdón pois, como en santo André de Teixido, se non o fan de vivos terían que facelo de mortos.
Próximo ao conxunto pétrea hai unha pedra que é coñecida como Cama do Santo, o lugar onde durmiría o apóstolo. Dise que unha vez un canteiro quixo arrincar esta pedra. Avisado de que non debía, repúxose e dixo que toda aquela historia era unha trapallada. Ao instante caeu enfermo, e aquela noite, aínda que xa arrepentido, morreu.
Cada 25 de xullo faise alí unha romaxe cívico-relixiosa.