Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O salto do cabalo de don Antonio Freire, señor de Sobrán

O acontecemento histórico, ou lenda popular, que imos relatar tivo lugar no século XVII e ten como escenario a aldea do Marquesado, na parroquia de San Miguel de Brocos, no concello de Agolada (Pontevedra).

Deste relato, sobradamente coñecido nos concellos de Agolada e Santiso, hai varias versións que difiren á hora de asocialas a uns protagonistas determinados ou a outros, e tamén nalgúns matices dunha trama que partindo dun preito acabou derivando nunha aposta.

Antes de nada compre sinalar que a vella aldea de Brocos quedou asolagada nos anos 60 cando se constrúe o encoro de Portodemouros no curso do Ulla. A mesma “sorte” padeceron outros lugares e aldeas ribeiráns, tanto nos concellos de Santiso, Arzúa, Agolada e Vila de Cruces, en total anegou un total de dez entidades de poboación sitas nas dúas provincias, tal é o caso de Ribadulla (Santiso), Viñós (Arzúa), onde se formou unha moi elevada e extensa illa fluvial na desembocadura no Ulla dos ríos Iso e Boente, ou tamén as da Ponte e Marquesado en Agolada.

A aldea do Marquesado era unha das máis destacadas e as súas edificacións en ruínas poden percorrerse en períodos de seca. Baixo as augas quedaron soterrados recordos, nostalxia e tamén moitas vivendas de morada, muíños, pontes, a igrexa parroquial e o camposanto (como en Ribadulla), e mesmo tamén un asentamento castrexo.

Pois ben, a nosa historia acontece nese escenario tan envolvente e cargado de historias que as augas quixeron calar como tamén lle aconteceu a un Portomarín e a un Castrelo de Miño, que aínda seguen habitados nos recordos, albumes, estampas e retinas que se humedecen cando as ruínas se deixan ver cando as augas remiten e se arredan.

O coñecemento desta historia fantástica debémoslla unha vez máis ó doutor e historiador melidán don Eduardo Álvarez Carballido, quen no ano 1893 publica na revista Galicia Diplomática un traballo que leva por título “El salto del caballo”, do que se fai eco anos máis tarde o farmacéutico, e tamén insigne historiador melidao, don Antonio Taboada Roca en “Cotos y jurisdicciones de Galicia”, publicado nos cadernos do Seminario de Estudos Galegos.

Unha aposta

O protagonista desta historia é don Antonio López, o señor de Sobrán, quen consigue facerse coa titularidade do Marquesado grazas a gañar unha aposta con don Álvaro Ordóñez, propietario do título de propiedade e dos dereitos de Sesto e de Brocos.

Segundo refiren as crónicas, e as futuras revisións, interpretacións e lecturas que dos feitos fantásticos se fixeron, había no Marquesado dous marcos de pedra distantes uns 40 metros entre si e que o señor de Sobrán aposta co señor de Brocos a titularidade do lugar apostando que era quen de salvar a distancia comprendida entre os dous mollóns saltando co seu cabalo dun extremo ó outro. Pois parece ser que o conseguiu e fíxose coa propiedade e cos dereitos.

Taboada Roca fala desa aposta recollida polo seu predecesor Álvarez Carballido nos seguintes termos: “…según consta en un apeo que de ella se hizo en el mes de Febrero de 1672, se dividía con la de Abeancos del Conde de Monterrey desde el río que llaman do Arnego todo por el corriente de agua del Rigueiro que llaman de Fontao, y desde dicho puerto todo por el camino adelante, caminando hacia la Puente Nueva hasta dar a un marco que está en el medio del camino real, que es de piedra de grano y tendrá de alto sobre la tierra hasta cinco palmos, y tiene una cruz al lado del poniente y un letrero más debajo de ella que dice “SALTO QUE DIO DON ANTONIO FREIRE, SEÑOR DE SOBRÁN”, y después de él se fueron derechos por el camino arriba a otro marco que está junto a aquel que tendrá de altura sobre la tierra un bara castellana y es de piedra de pizarra y se le hizo una cruz, la cual está junto a la pared de la casa de Ramil…”

En base a esas fontes quedou arraigado o relato e tamén a tradición popular que na vella aldea permanecen mergullados o marco e a referida inscrición.

Xosé Manuel Broz no libro “Santiso na terra de Abeancos” recolle outra versión, aínda máis fantástica dos feitos, que lle foi transmitida por un veciño do Pazo de Vilar de Ferreiros, que sostén que: “…Dise que este territorio foi gañado polo Señor saltando desde Vilar de Ferreiros ata Maniño, onde se chama o “Marco Pardo” e logo saltou ata o Marquesado, en Brocos, onde quedou marcada nun croio a ferradura do cabalo…”.

Acto seguido aclara Broz que se trata dunha trabucada lenda popular confundida coa documentada por Álvarez Carballido en “Galicia Diplomática”, posto que neste caso alúdese á propiedade do señorío de Vilar de Ferreiros, que acabará facéndose coa posesión do Marquesado de Brocos.

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Abril de 2019]

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: