Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

Un cacho de pan

 

Eu non digo que si nin que non, pero algo ten que haber, e xa sei que para os descridos todas estas cousas non son máis ca patoiadas. Antigamente, cando se saía da casa de noite cun neno sempre se lle poñía ó pescozo ou na roupa algunha cousa boa, unha imaxe, un escapulario; ben non lle faría pero mal tampouco. Para que non o asombrasen ou non o aollasen persoas ou animais, envolvíase o neno nunha manta, atábase á pa e metíase e sacábase nove veces seguidas do forno. E logo pasaría o que tivese que pasar, pero a mai levábao canda ela máis despreocupada.

Unha vez foi unha muller cun neno de pouco tempo ver a súa mai. Pasou a tarde cabo dela e cando quixo regresar para a súa casa xa se fixera de noite. Antes de saír, a mai insistiulle para que metese un cacho de pan no vurullo de envolver o neno pero a filla negouse. Non e non, que ela, dixo, non cría nesas supersticións.

De todas todas a vella amañouse para meter, sen que a súa filla se decatase, un cacho de pan entre a manta do neno. E a muller colleu o seu neno no colo e púxose ó camiño. A noite pecha, todo caladiño, ata que ó pasar por unha corredoira se lle pon diante unha aparición, unha cousa, algo que non era deste mundo, e que lle ordeou:

—¡Dáme un cacho de pan!

A pobre muller, véndose perdida, conseguiu dicirlle que non o tiña. A aparición entón, cun sorriso de satisfación, esixiulle:

—¡Pois tes que darme o neno!

A sorte, o sino, quen sabe quen decide que pase o que teña que pasar, fixo que por entre as roupas do neno asomase o cacho de pan que a avoa escondera ás agachadas. E a aparición tivo que irse co cacho de paz e déixalos en paz.

Din que desde entón é costume levar sempre un cacho de pan entre as roupas dos nenos cando se sacan da casa polas noites.

[Texto reproducido de (Miranda e Reigosa, 2004). Lemos esta historia nun libriño que se titula Contiños de lareira, recollidos en Carral A Coruña). Non consta ano nin editor; supoñemos que é un traballo escolar feito con moito agarimo e respecto pola nosa cultura popular].

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: