Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O Santo Milagre do Cebreiro

No lugar de O Cebreiro, concello de Pedrafita (Lugo) houbo un mosteiro do que hoxe só se conserva a igrexa, que dispoñía dun hospital para atender aos peregrinos, en funcionamento ata o ano 1858. Conta a lenda que nos días de néboa os monxes facían soar a campá para orientar aos peregrinos perdidos.

O Santo Milagre

Alá polo ano 1300, había un crego na parroquia do Cebreiro que nun día de forte zarracina e mesta nevarada estaba a dicir misa na deserta igrexa. Mais, cando estaba a consagrar a hostia e o cáliz, entrou no templo Xoán Santín, un devoto veciño de Barxamaior. O cura mirouno con sorpresa e, amolado, murmurou:

—Mira que vir con este tempo dende tan lonxe, e só para axeonllarse diante dun pouco e pan e viño!

Non rematara de dicir a frase cando viu que a hostia se convertía en carne e o viño en sangue. Foi tal a impresión que o crego caeu ao pé do altar, morto. A carne o sangue gárdanse en dúas ampolas de vidro nunha fornela de granito xunto ao altar do santuario. Dise que a imaxe románica da Virxe co Neno inclinou a cabeza para ver mellor o milagre que axiña foi difundido por toda Europa. O escudo de Galiza incorporou como símbolo o cáliz do milagre. 

A lenda foi recollida polo beneditino P. Yepes a comezos do século XVIII.

 O Graal

O Graal é o cáliz que utilizou Xesucristo durante a Derradeira Cea e no que Xosé de Arimatea recolleu o sangue cando foi crucificado no Calvario. Uns din que levou o cáliz para a Gran Bretaña para logo perderse a súa pista; outros que foron os Templarios quen o sacaron de Xerusalén antes da súa reconquista, no ano 1187, por Saladino. O Sagrado Cáliz inspirou, no século XII, o "Parceval" de Chretien de Troyes. Wolfran von Eschenbach, no seu "Parzival", escrito no século XIII, sitúa o Santo Graal no Monsalvat, mítico monte que estudosos de sona identifican co Cebreiro, no concello de Pedrafita (Lugo).

Pía bautismal de Santa María a Real do Cebreiro

No santuario do Cebreiro hai un pía bautismal do século XVIII. Servía para realizar o bautismo por inmersión, é dicir, somerxer baixo a auga á persoa que vai ser bautizada. Este sistema era o utilizado por San Xoán Bautista. Así foi bautizado o propio Xesús Cristo tal como relata o Evanxeo de San Marcos. A voz grega da que deriva a palabra bautismo significa, precisamente, somerxer en líquido. Algúns sectores da Igrexa consideran que é a forma correcta de recibir este Sacramento.

[Texto de Xabier Moure Salgado. Decembro de 2011


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: