Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O tesouro de Pierre de Villaines

Ou a historia de como este tesouro chegou a Ribadeo e acabou facendo rico e tamén causándolle a morte a Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos.

Pierre le Bègue de Villaines era normando, cabaleiro mercenario que por favores que lle prestou na guerra sucesoria ao rei de Castela, Enrique II, este pagoullos nomeándoo primeiro conde Ribadeo o 20 de decembro de 1369. Tal título supoñía posesións, rendas e mando en praza ata que vendeu o condado na década final do s. XIV. Logo a coroa de Castela recuperou e vendeu o condado varias veces ata que en 1431 o rei Juan II llo concede “con su castillo e fortaleza e tierra e distrito e término e territorio e aldeas e lugares e vasallos" a Rodrigo de Villandrado. Desde entón, por dereitos sucesorios non exentos de conflitos, chegou á Casa de Alba, que aínda ostentan o título honorífico na actualidade.

Un curioso privilexio dos condes de Ribadeo era o de poder comer á mesa cos reis de Castela e León, e o de poder vestir a roupa que os monarcas vestisen para celebrar  a circuncisión de Xesús o primeiro día de cada ano.

O tesouro

Segundo a versión da lenda que manexamos, Pierre de Villaines instalouse en Ribadeo, disque puxo casa onde hoxe está o Forte de San Damián e trouxo canda si unha fortuna acumulada como mercenario que, por seguridade, soterrou nunha cova no sochán da mansión. E alí estivo o tesouro, e alí quedou, parece que a mantenta, cando  o señor de Villaines vendeu o condado.

Segundo unha das fontes[1] desta historia, o tesouro permaneceu oculto uns 400 anos ata que a casualidade xogou a favor do futuro Marqués de Sargadelos.

Cando Antonio Reimundo Ibáñez traballaba como mordomo na Casa de Guimarán atoparon uns documentos do s. XIV na biblioteca, entre eles un cun debuxo e unhas letras que parecían de puño e letra do normando. O papel dobrado, datado en 1397, dicía que abandonaba o tesouro para que o atopase no futuro algún home excepcional.

As suposicións son que Ibáñez deu co tesouro, despediuse como empregado da Casa de Guimarán e comezou a impresionante carreira como industrial e potentado que foi.

Non se sabe como, disque algún empregado de Sargadelos que soubo da existencia do tesouro  promoveu o asalto ao pazo de Ibáñez en Ribadeo (actual casa do concello), e aquí comezou o que acabou co seu linchamento en Dompiñor o 2 de febreiro de 1802.

Do tesouro, ou o que del quedase, non se sabe. E iso que en 1809 fixeron voar o Forte de San Damián a ver se daban con el[2]. Pero nada de nada!

 

[1] J. López Rico: Libro das Festas da Patrona de Ribadeo, 1982.

[2] Coñecer a costa de Ribadeo. Lendas, historias, tradicións, sucesos… na nosa costa, Alumnado do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, s/d.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: