Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Unha historia da Paula
Das campás da catedral mindonienses a de máis sona é a Paula; tanto que dicir “os da Paula” é coma apelidarse fillo de Mondoñedo.
Dos prodixios que lle se apoñen á Paula cóntase coma verídico o caso dun campaneiro chamado Salamanca que se librou da morte gracias a ela, anque tamén é certo que pouco lle durou a ledicia. Conta E. Lence-Santar que estando este home dándolle voo á campá por vésperas dunha festa quedou prendido pola roupa nun dos cepos de ferro que a suxeitan. E a Paula, milagrosamente, quedou estantía ata que soltaron o campaneiro.
Tan contento estaba aquel home por terse librado de morrer baixo a campá que o tomou un punto de soberbia:
—¡Grazas a Deus! ¡Se non morrín desta, non morro nunca!
Aquela mesma noite derrubouse a súa casa e o pobre Salamanca xa non o puido contar; quedou debaixo esmagado.
[Texto extraído do libro “Arrepíos e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror”, da autoría de Xosé Miranda e Antonio Reigosa, Ed. Xerais, 2004]
Nota: Este é un dos prodixios da coñecida campá da catedral de Mondoñedo que refire E. Lence-Santar y Guitián; pode lerse na recopilación feita por J. I. Fernández Villaba, baixo o título Mondoñedo. Regreso al pasado, Suc. de Mancebo, Mondoñedo,1999.