Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Os capóns e a feira dos capóns de Vilalba

O costume de castrar galos é orixinario da illa grega de Kos, e tamén se facía en Roma coa pretensión de conseguir entre os galos os mesmos efectos que se daban nos eunucos.

Nun dos seus epigramas, Marcial di a propósito dos galos castrados: «Para que non se esgote en exceso a súa entreperna, e non enfraqueza o galo, per­deu os testículos. Agora será para min un galo.»

Galo, ademais de referirse ao animal tamén era o nome que recibían os sacerdotes castrados que servían á deusa Cibeles.

O costume de comer capón polo Nadal vén da Idade Media, de cando o concilio de Aquisgrán, ano 817, resolve que comer carne de galo castrado non é contrario á vixilia de Nadal. A medida non foi casual pois xa se comía ritual­mente galo, galo sen castrar, pois o galo co seu canto anuncia o nacemento do novo día e no solsticio de inverno o renacer dun novo sol. O galo castrado non canta e se cadra a igrexa reparou nese detalle para permitir que se comese. Hai feiras de galos en moitos lugares da península e, como veremos noutro capítulo, tamén rifas e corridas de galos.

A máis coñecida feira de capóns que se celebra en Galicia é a que se fai en Vilalba uns días antes da Noiteboa e desde hai arredor de douscentos anos. Alí acoden os criadores cos seus capóns criados seguindo un rigoroso método tradicional. Os galos son seleccionados na primavera, capados en maio e a partir de novembro engordados en catividade nunha «capoeira», alimentados durante corenta días con amoados de productos naturais (fariña de millo, castaña, leite, algo de alcohol destilado) ata superar os catro e os cinco quilos de peso. Os capóns póxanse por parellas e os máis aparentes, grandes e gordos chegan a acadar prezos espectaculares.

Con moitas destas cobizadas pezas páganse favores, e rendas e, ata pre­bendas. Non se coñece por estas latitudes mellor carta de presentación.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: