Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

San Nicolao

O día 6 de decembro celebra a igrexa a San Nicolao, o bispo cristián que, en mestura con elementos de diferentes tradicións, está na orixe da invención de Santa Claus.

Segundo a lenda, San Nicolao, patrón de nenos e mariñeiros, viviu no s. IV, foi bispo de Mira, en Licia, actual Turquía. Entre os milagres que se lle atribúen cóntase que evitou numerosos naufraxios e que interviu decisivamente para evitar que tres irmás acabasen sendo vítimas da prostitución, pois o pai, que era moi pobre, non tiña dote para casalas. San Nicolao botaba cada noite unha bolsa con moedas de ouro pola cheminea da casa das coitadas de maneira que unha tras outra foron xuntando o dote suficiente e casar. O milagre meirande que se lle atribúe é o de resucitar a tres nenos que foran asasinados e os seus corpos tirados nun bocoi con sal. Tamén se di del que fabricaba xoguetes que logo cargaba nun asno para repartilos entre nenos e pobres.

Cando morreu foi enterrado en Mira pero no século XI os seus restos foron levados a Bari, en Italia, onde o seu corpo embalsamado súa un aceite como a mirra coñecido como Manna di san Nicola.

San Nicolao tivo moito predicamento en Galicia como amosan estes dous exemplos:

Unha vez unha muller ofreceulle ao San Nicolao de Abellá, en Frades, dúas velas tan grandes coma ela mais non puido cumprir a promesa en vida xa que faleceu antes do día da romaxe.

Sen embargo, a ánima da muller regresou a este mundo en forma de cadelo e pediulles aos familiares que fosen cumprir a promesa, que levasen velas ás doce da noite e que ela, en figura de can, iría diante para que non tivesen medo. E así foron, guiados polo cadelo. Cando chegaron á porta do santuario meteron as velas por debaixo da porta e xa nunca máis se lles apareceu.

 

En Penahedrade, na parroquia de Torre, en Vilalba, hai unha capeliña dedicada a San Colasiño enriba duns penedos, no mesmo medio do curuto da croa dun castro. A capela fíxose así de empenicada porque aló polo século XVIII un mariño natural daquela parroquia, un tal Diego de Pazos, viuse no medio dunha gran treboada no mar. Pediulle ao San Nicolao e prometeulle que se o salvaba que lle había facer unha capela no máis alto da parroquia.

E así foi.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: