Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Que celebramos no Nadal?

Na maior parte de Europa e noutras moitas rexións do mundo conmemórase, con maior ou menor grao de acomodo ás recomendacións das xerarquías das distintas igrexas cristiás, o Natalicio de Xesús Cristo.

Antigamente celebrábanse nestas datas do solsticio de inverno outros cultos e festas en honor a deuses como Osiris en Exipto, Dionisos no imperio romano oriental e na honra do Sol Invicto e de Mitra no occidental. En Roma eran, ademais, os días das Saturnalia, as festas máis importantes do ano na cidade. Todos estes cultos, festas e ritos, xunto coas celebracións solsticiais das culturas indoeuropeas, aínda sendo formalmente proscritos pola igrexa oficial, siguen hoxe latentes nas celebracións de Nadal baixo o verniz do cristianismo.

O tempo de Nadal actual é a consecuencia dun sincretismo de ideas, crenzas e prácticas que se foron desenvolvendo ao longo dos séculos ata conformar unha tradición viva que ten a orixe remota en primitivos cultos astrais arredor da Lúa e do Sol, astros fundamentais para a vida na Terra e que comeza, trala agonía invernal, o seu renacemento cíclico. O solsticio de inverno era para os gregos a “porta dos deuses” e para os hindús o comezo dun período ascendente chamado deva-yána.

Onde naceu Xesús Cristo?

Ata o s. IV a igrexa non elaborou a listaxe dos 72 libros que compoñen a Biblia canónica. Foi entón cando renegou dos chamados apócrifos, uns libros, en principio, de uso exclusivo para os iniciados nalgún misterio pero que logo, unha vez desbotados pola igrexa, quedaron relegados como sospeitosos ou pouco recomendables. Segundo nos guiemos por uns ou por outros, tiraremos diferentes datos sobre o lugar e as circunstancias do nacemento de Xesús.

O Novo Testamento di que o natalicio tivo lugar nunha corte de Belén, e que a Virxe, logo de parir, acomodou o fillo nunha cambeleira. Algúns apócrifos, en cambio, afirman que naceu nunha cova, probablemnete escavada nunha rocha a pé da muralla da cidade, e que tres días despois do parto, ao non haber mellor hospedaxe dispoñible, instaláronse nunha corte.

Non parece casual que esta cova, que estaría situada debaixo do altar maior da actual Basílica da Natividade de Belén, fose identificada como un vello santuario dedicado a Adonis.

Cando naceu Xesús Cristo?

A data exacta do nacemento non se sabe pois no Oriente antigo non se celebraban os aniversarios e os evanxelistas non repararon nese dato. Só Lucas, nun prólogo engadido ao seu evanxeo, afirma que “había na rexión uns pastores que pernoctaban ao raso e de noite turnábanse para vixiar os seus rabaños”.

Logo, cando naceu realmente Xesús sería inverno ou outra estación do ano máis benigna?

A data de nacemento de Xesús non foi motivo de preocupación para a igrexa nos primeiros tempos. No s. II comezaron a barallarse varias datas como probables. Oríxenes, a mediados do s. III, seguía considerando irrelevante tal preocupación pero a igrexa oriental, a proposta dos gnósticos basilidianos de Exipto, decantouse polo 6 de xaneiro. Era un día grande nos cultos pagás orientais pois nesa mesma noite do 5 ao 6 de xaneiro celebrábase a epifanía (aparición) de Osiris e a do seu correspondente grego, Dionisos. Ademais, en Alexandría representábase a Aión, o renacer do tempo, como un neno fillo dunha virxe, nacido nunha grota cunha estrela de ouro e marcas dunha cruz na fronte, nas mans e nos xeonllos.

Na mesma data tamén se conmemoraba a bendición das augas por Dionisos, augas que se convertían en viño como as que transmutou Xesús nas Vodas de Caná. Xesús Cristo, parece evidente, representa a continuidade destes deuses e debe ter recoñecemento canda eles.

No interior da fermosísima igrexa de Santa María de Cambre (A Coruña) consérvase unha das seis hidrias coas que Xesús transformou a auga en viño nas Vodas de Caná. Suponse que a trouxeron cabaleiros da Orde do Temple, o conde de Traba, Fernando Pérez, ou monxes benedictinos tras algunha viaxe a Terra Santa aló polo s. XVI.

A hidria é unha copa de alabastro de case un metro de alto. A xente, crendo que nela se obrou verdadeiramente o milagre, rabuña areas e pó desta copa que logo toma, mesturados con auga, como remedio contra algunhas enfermidades. Ten unha inscrición que reza “Idrie lhlM”, o que pode traducirse como “Hidria de Xerusalén”.

Algún dato sobre os calendarios

O termo calendario deriva da palabra grega “kalendas” coa que os romanos designaban o primeiro do mes, día no que se anunciaban as festas e os rituais asociados, cando cobrar débedas, recadar impostos ou cando sementar.

Os calendarios son regulamentos cos que se pretende organizar o tempo astral, relixioso e político, un intento por facer cadrar as fases da lúa, as estacións solares e as festas relixiosas e civís para poder ter un control sobre o ritmo da vida.

Ao longo do tempo houbo e aínda hai moitos calendarios, uns rexidos polas fases da lúa (coma o musulmán actual), outros polos movementos do sol, todos tratando de combinar os ciclos astrais cos intereses mundanos de carácter político, militar ou relixioso.

Logo de moitos cambios e axustes nos calendarios anteriores, desde 1582 guíámonos polo Calendario Gregoriano, chamado así por ser promovido polo papa Gregorio XIII. É solar e é oficial actualmente na maior parte do mundo.

Sen embargo, a Pascua de Resurrección (Semana Santa) é festa móbil e varía en función da lúa de maneira que o xoves santo será o primeiro tras a primeira lúa chea despois do equinoccio de primavera. Disque cando Xesús compartiu cos seus discípulos a Derradeira Cea había lúa chea. Para os primeiros cristiáns, a resurrección representaba simbolicamente a renovación e o renacemento, o mesmo que o natalicio.

O primeiro calendario romano comezaba a contar con Rómulo e inspirábase nun exipcio máis antigo. O ano dividíase en 10 meses (4 de 31 días e 6 de 30 días) e comezaba nas calendas de Martius, ao que seguían Aprilis, Maius, Iunius, Quinctilis (agora Xullo), Sextilis (agora Agosto), September, October, November e December.

No 750 a. C. Numa engadiu os meses de Ianuarius e Februarius, quedando o ano en 12 meses e 355 días. Para corrixir os dez días e pico de diferencia co ano solar, a partir do 432 a. C. engadíaselle un mes chamado Mercedonius cada un ou dos anos

 No ano 45 a. C. Xulio César promove, seguindo a Sosíxenes de Alexandría, unha gran reforma para corrixir desfases graves no cómputo do tempo. Fíxase o número de días do ano en 365, o inicio en xaneiro e introdúcese o ano bisexto cada catro anos. Este foi o calendario, que tamén xerou desaxustes que logo comentaremos, que estivo vixente ata a reforma gregoriana de 1582.

Por que celebramos o nacemento de Xesús Cristo o 25 de decembro?

O Calendario Xuliano, aínda que moi semellante ao actual, era imperfecto sobre todo porque non tiña en conta un fenómeno descuberto por Hiparco de Micea no ano 125 a. C. coñecido como precesión equinoccial.

A Terra non é una esfera perfecta senón que ten un avultamento no Ecuador. Ao movemento de rotación (que dura arredor de 24 horas) e ao de traslación (que dura un ano solar) hai que engadir esta alteración provocada pola deformidade da esfera e o balanceo conseguinte, e como consecuencia o Sol retarda a chegada á mesma posición con respecto á Terra uns 11 minutos e 14 segundos cada ano solar.

No primeiro Concilio de Nicea (ano 325 d. C.), decátanse desa desviación e corrixen o calendario de maneira que a data do solsticio de inverno pasa do 25 ao 21 de decembro. Móvese a data do solsticio pero non a do nacemento de Xesús, como tampouco se modifica a data do nacemento de Mitra nin a de celebración do Dies Natalis Sol Invictus, que sigue sendo o 25 de decembro. Mitra era deus oficial en todo o imperio romano desde o 62 a. C. e o gran rival do cristianismo ata que o seu culto foi declarado ilegal no ano 391 d. C.

Para comprobar o desfase provocado pola precesión equinoccial debemos contar os anos entre o 45 a. C. (cando Xulio César actualiza o calendario) e o 354 d. C. (cando se fai oficial o 25 de decembro como data de nacemento de Xesús); multiplicamos eses 11 minutos e 14 segundos de perda anual por ese número de anos e veremos que coincide, máis ou menos, con eses 3 días e pico de diferencia que hai entre a data correcta do solsticio de inverno (21 de decembro) e a de nacemento de Xesús na noite do 24 de decembro.

En que ano d. C. vivimos realmente?

O Anno Domini, a numeración dos anos a partir do nacemento de Xesús, decidiuse no ano 525 d. C. Para Dionisio, teólogo e matemático reputado, alcumado O Exiguo por ser de baixa estatura, Xesús nacera un sábado, 25 de decembro, do ano 753 a. u. c. (ad urbe condita), ou sexa, despois da fundación da cidade de Roma, e o primeiro de xaneiro da era de Xesús Cristo sería, segundo Dionisio, o do ano 753 a. u. c.

Dionisio non contou o ano cero, o que entremedia entre o 1 a. C. e o 1 d. C., tamén esqueceu o tempo que o emperador Augusto gobernou co nome de Octavio, e de resultas Herodes xa debía estar morto cando decreta a matanza dos Inocentes.

A igrexa recoñeceu estes erros pero non modificou a conta dos Anno Domini. Para coñecer con máis exactitude en que ano d. C. vivimos realmente teriamos que sumarlle ao actual entre 4 e 6 para saber os que andamos desque naceu Xesús Cristo.

[Extracto do libro “Trece noites, trece lúas. Libro das marabaillas do Nadal (Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo de arredor)”, Xerais, 2011]

As ilustracións son de Noemí López


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: