Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

As mulleres d’Os Pedregás na Noite de San Xoán

O xornalista e escritor viveirense Alfredo García Dóriga publicaba  un artigo na “La Revista Popular”, Pontevedra (10 de maio de 1894, páx. 5-6),  titulado “Las mujeres de Pedregás (leyenda mindoniense)” onde daba conta dun costume, logo dunha extensa e retranqueira introdución comentando a relación dos e das mindonienses coa pegada relixiosa, que se realizaba no lugar chamado Os Pedregás, próximo ás casas de Angüín e Carroceira, e do regato chamado Río do Sixto, na parroquia d’Os Remedios de Mondoñedo (Lugo).

Sospeitamos que o relato de Dóriga non é en todo fidel ao posible rito popular que lle dá orixe pero aínda así coidamos de interese comentalo pois é proba da existencia dunha práctica agora totalmente esquecida.

Segundo o autor, sucede ás doce da Noite de San Xoán, no lugar d’Os Pedregás, dentro dunha caseta que formara parte da condución de auga potable a Mondoñedo desde a época do bispo Muñoz y Salcedo, a principios do século XVIII.

E conta que dentro da caseta e por encanto do rei mouro escóitase unha música doce e prolongada. E que nesta noite soían ir as mulleres mindonienses a este sitio, e ás doce en punto, mirando ás estrelas, destapaban o peito e recibían nel a rosada do ceo, co que pensaban quedar máis brancas e máis puras. Comenta que o rito se prolongaba ata o despuntar do sol (que é cando baila) da mañá de San Xoán, sempre amenizado pola música do rei mouro.

Alfredo García Dóriga completa o artigo con reflexións sobre a castidade das mulleres que tal rito practicaban que parecen da súa propia colleita, mais, en calquera caso, describe un rito de purificación propio desta data referencial do ano, a do solsticio de verán, que se debeu practicar con certa frecuencia no noso país.

As mulleres dos Pedregás (A. García Dóriga).pdf


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: