Actualizado en data 08/12/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Lenda do cabaleiro Lanzarote de la Tour

Conta a lenda “que un cabaleiro chamado Lanzarote de la Tour d´Auvergne, pertencente a nobre casa de Boullion iba en peregrinación a Santiago. No seu camiño á cidade do Apóstolo fixo parada no Hospital de peregrinos da vila de Melide, onde faleceu. Os seus criados levaron o seu corazón nunha caixa de prata ós pes do Apóstolo, regresando logo con el a Sedán, onde tiña fama de Santo”.

Isto conta a lenda extraída da “Crónica da Casa de Bouillon” sobre o pasamento dun cabaleiro con fama de  santo da estirpe De la Tour D´Auvergne (Casa de Bouillon), sobre unha translación do corazón do cabaleiro ós pes do Apóstolo Santiago.

Está ambientado en Melide e cargado de interrogantes. A data do relato é descoñecida, pero debe referirse ó século XVII ou XVIII, posiblemente anterior o ano 1763.

Hospital de Peregrinos de Melide

O Hospital de Peregrinos de Melide, pertencente ó Convento de Santispíritus da Orde Terceira franciscana, foi fundado en 1375 por Fernán López, notario de Melide e a súa dona  Aldara González, que cederon os terreos para fundar este hospital máis o veciño convento franciscano, obra promovida por Frei Alonso de Mellid.  No ano 1502 reformouse dito hospital por mediación do Conde de Monterrei, don Sancho de Ulloa, dándolle o aspecto definitivo (do que actualmente lle queda a porta de entrada de arco de medio punto).

Este hospital, situado na súa fundación extramuros da vila, dependía do convento franciscano situado xusto enfronte da súa porta, e por medio de ambos dous pasa o Camiño Primitivo a Santiago. Era un hospital para peregrinos e pobres.

Existe un Libro de Defuntos do Hospital, iniciado no 1763, onde se recollen todos os falecidos neste lugar mentres estivo en funcionamento, ata o ano 1835, cando se produciu a Desamortización de Mendizabal, e o convento se abandonou, pechando as súas portas tamén o Hospital.

Neste Libro de Defuntos aínda non atopamos a referencia a este cabaleiro santo Lanzarote de la Tour, e do seu pasamento no Hospital de Peregrinos, o que incrementa aínda máis a lenda.

Este cabaleiro pertencía á nobre familia que ostentaba o Ducado de Boullion. A rama familiar De la Tour d ´Auvergne eran tamén príncipes de Sedán. Familia que estaba tamén na liña sucesoria ó trono de Francia, tendo como antepasados a Godofredo de Bouillon, conquistador de Xerusalén na 1ª Cruzada, e o irmán deste, Balduíno I, rei de Xerusalén. É unha familia cuxas raíces van moito atrás no tempo, existindo referencias xa no século XI.

Agora veñen as incertezas:

1º- O dato do seu falecemento no Hospital, así como do traslado do seu corazón a Santiago, pertence á “Crónica da Casa Bouillon”. Dato atopado por Felpeto García, historiador da Comarca Eumesa, xa falecido. Polo que non temos forma de coñecer onde atopou esta información. En base ó parágrafo, nesa crónica ten que reflectirse o dato do pasamento no Hospital de peregrinos de Melide.

2º- O Libro de Defuntos do Hospital data de 1763, ano no que nun Capítulo da Orde (Terceira franciscana), celebrado o día 12 de febreiro do mesmo ano, se ordea apuntar os falecidos tanto relixiosos como segrares que falecen en dito Hospital ou Convento. Polo tanto, o feito de que non atopemos a este cabaleiro no Libro, pode deberse a que a súa peregrinación tivera lugar antes desta data.

3º - Consultado a xenealoxía da casa De la Tour D´Auvergne, tampouco damos atopado a un descendente desa rama familiar chamado Lanzarote.

4º- A Crónica di que os seus criados trasladaron o seu corazón nunha caixa de prata ós pes do Apóstolo, e que logo regresaron con el a Sedán. O que non queda claro é se regresaron co cabaleiro ou só co seu corazón, quedando el soterrado no Convento. Dato que tampouco temos.

5º- En Melide non se conservou a lenda dun cabaleiro santo enterrado e que cuxo corazón seguiu a peregrinación a Santiago. O dato só provén da “Crónica da Casa de Boullion”, polo tanto, aquí non hai constancia dun cabaleiro santo soterrado en Melide.

Polo tanto a lenda convértese en tal pola falta de información histórica e os moitos datos inconexos existentes.

Hai cinco anos estivemos en contacto co Centro de Estudios Históricos de Sedán en Francia, e tampouco coñecían a “Lenda do Cabaleiro Santo Lanzarote de la Tour”, pero si a “Crónica da Casa de Boullión”. Todo será poder acceder a ese documento e buscar a este cabaleiro, pero entón a lenda desaparecería e daría paso á historia. Non sabemos cal das dúas opcións nos gustaría máis.

NOTA SOBRE A FOTOGRAFÍA

A fotografía corresponde á fachada do Hospital de Peregrinos, hoxe Museo da Terra de Melide, que é onde tivo lugar o pasamento do cabaleiro

[Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Abril de 2015]

 

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: