Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
O alicornio de Torés
A primeiros de marzo de 2015, Miguel e Sergio, da Asociación de Veciños de Torés, concello de As Nogais (Lugo), leváronme ata a casa da señora Amada, unha veciña da parroquia de 88 anos. Ademais doutras historias e lendas que nos relatou, amosounos o seu obxecto máis prezado: un antigo alicornio que sempre estivo na familia e do que se descoñece a procedencia.
O alicornio vai inserido nunha "funda" de óso, ao parecer de xabarín, de 5,5 cm de longo e un diámetro de 5 cm. Disque o alicornio, de cor negra, tamén é de óso. Para facer o ritual hai que extraer o alicornio da funda ata que fai tope, acadando así as dúas pezas unha lonxitude duns 7 cm. Entre outras propiedades, este alicornio utilízao a señora Amada para curar a pezoña producida polas picaduras dos bechos.
O ritual é como segue: Coa punta do alicornio faise un círculo e unha cruz sobre a auga que previamente se botou nunha cunca limpa. Logo, co alicornio mollado, trázase un amplo círculo ao redor da picadura e unha cruz dentro daquel. Continúase facendo círculos e cruces cada volta máis pequenos (a xeito de círculos concéntricos), rematando o ritual cando o derradeiro círculo lambe a picadura. Mentres se fai o ritual hai que recitar o seguinte: "Colloutizo cabalar, que viñeches aquí buscar, se es de araña vaita á paramia, se es de arañón vaite ao paramión, se es de sapo vaite arrastro, se es de sabandixa vaita á cinsa".
O alicornio tamén o utiliza para levedar a masa do pan. Cómpre aclarar que non se pode usar para curar feridas abertas, mais si para quenturas, inflamacións, etc. Despois de rematado o ritual, a persoa afectada adoita beber a auga que queda na cunca.
[Texto remitido por Xabier Moure Salgado, de Becerreá (Lugo). Marzo de 2015]