Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A Apalpadoira berciana (Nicolás Bartolomé Pérez)

© Nicolás Bartolomé Pérez

Artigo publicado anteriormente en castelán co título "A Apalpadoira ancaresa" en “Diario de León” (28/12/2014), en colaboración con Emilio Gancedo.

 A Apalpadoira era antano un sinxelo ritual dedicado aos máis pequenos da casa que se desenvolvía durante a Noitevella e que consistía en dicir aos nenos que tiñan que comer ata se fartar esa noite, senón viría A Apalpadoira para palparlles a barriga.

_____

O período do Nadal é unha época especial do ano no que se acumula un conxunto arraigado de tradicións e rituais relixiosos, sociais e familiares, algúns de orixes moi antigas anteriores mesmo ao cristianismo, e outros bastante recentes relacionados coa imparable globalización e o consumismo que imperan hoxe en día na nosa sociedade. No medio rural leonés mantivéronse diversos costumes relacionados con este tempo que paga a pena recordar e poñer en valor como é o caso do ritual berciano da Apalpadoira, relacionado coa Noitevella, e cuxo coñecemento debemos grazas á xenerosidade do profesor Fernando Álvarez-Balbuena García que tivo a xentileza de proporcionarnos unha gravación realizada na aldea de Arnado (municipio de Oencia) na que dona Manuela Álvarez Prieto, nacida en 1929, narra no galego propio da zona o desenvolvemento deste singular rito polo que se cominaba aos nenos a comer ben na "Noitevella", ata quedar "fartos" para todo o ano; de non ser así, de non se fartar esa noite, viría A Apalpadoira para palpar a barriga dos pequenos e comprobar que efectivamente comeran ben.

Este costume dedicado especialmente aos máis pequenos da casa preséntasenos hoxe en día bastante esvaecido e como unha simple broma dirixida aos nenos indicándolles que tiñan que comer ben, ata saciarse. Resulta difícil precisar se estamos ante unha mínima parte dun rito do Nadal de perfís máis complexos, ou ante o último resto dunha figura mitolóxica que se manifesta na información ofrecida pola narradora apenas insinuada, a misteriosa Apalpadoira, que aparecía na Noitevella para comprobar se os nenos se alimentaran axeitadamente, e para iso palpaba a súa barriga. O que si sabemos é que esta tradición non é exclusivamente berciana pois tamén é coñecida nas veciñas terras do Courel, en Lugo. O etnógrafo galego Xesús Taboada Chivite foi o primeiro en dar conta deste costume, denominada alí "a noite de apalpadoiro", precisamente nesa zona de Galicia limítrofe con León e que consistía en palpar o ventre das persoas na noite de fin de ano para constatar que comeran ou non para todo o ano entrante, e prognosticar deste modo se o ano novo sería de abundancia ou de escaseza. Noutras zonas da montaña lucense tamén se rexistrou esta ritual co nome de "apalpadoiro" ou ou "apalpadoira", e que se desenvolvía na Noitevella de forma parecida ao visto en Arnado: palpábase a barriga, sobre todo de nenos e nenas, para ver se comeran o suficiente e favorecer así que o ano próximo fose de fartura.

A partir dos datos etnográficos expostos, en Galicia intentouse recuperar, a imaxe do Papá Noel anglosaxón ou do Olentzero vasco-navarro, unha figura mitolóxica autóctona, ou Apalpador, que sería un carboeiro xigante que na Noiteboa ou na Noitevella palpa a barriga dos nenos e lles deixa castañas ou regalos.

+ sobre o Apalpador/ ApalpadoiraApalpadorApalpador (poema)Apalpador (apuntamentos),  PandigueiroApalpadoiraApalpador (novo testemuño)

+ Apuntamentos sobre o Apalpador (X. Valcárcel Gil)

+A Noite do Apalpador (X. Valcárcel Gil)

+ A noite do apalpadoiro: o Apalpador e o Pandigueiro


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Sobre a Apalpadoira xa recollera eu esa información o 12 de decembro de 2010 en Arnado, aldea do Courel do leste.
Toda a información sobre o personaxe entregueilla á Gentalha do Pichel de Compostela neses mesmos días.
Que eu saiba, até ese momento non existían notas sobre esta versión feminina do mito.

Enviado por Xurxo Valcárcel Gil. o 06/01/2015 ás 1:30:26


Enviar comentario a este artigo: