Ritos, obxectos, crenzas varias..
Amuletos e reliquias: Vade Retro Satana
O sábado, 25 de outubro, no salón de actos da Deputación de Lugo, vai ter lugar unha xornada dedicada aos usos e crenzas sobre amuletos e reliquias. A xornada organízana conxuntamente a AS-PG e a AELG, e conta co patrocinio da área de Cultura da Deputación de Lugo. Os obxectivos son coñecer a orixe e a historia, e descubrir a influencia destes obxectos nos nosos hábitos e comportamentos cotiás. Cousas boas e/ou santas, obxectos de poder bendicidos pola tradición ou pola fe que poden ser unha palabra, unha frase, un xesto, un papel, unha pedra, unha figura, un corpo ou mesmo parte dun animal ou dunha persoa santa, se falamos de reliquias, e que van constituir o centro das exposicións e debates previstos.
A mañá dedicarase ao tema das reliquias, as santas medicinas, e intervirán como relatores, igual que na mesa redonda posterior, dous especialistas na materia. María Rosa dos Santos Capelão é investigadora do Centro de Investigação Transdisciplinar Cultura, Espaço e Memoria da Universidade do Porto e doutorouse coa tese “El culto de reliquias en Portugal en los siglos XVI-XVII”. E Alfonso Blanco Torrado, o coñecido crego e dinamizador cultural no ámbito da Terra Chá, que vai falar das peticións dos crentes para obter o favor divino para ter saúde; e ámbolos dous instruirannos na mesa posterior sobre os usos e abusos destas prácticas.
Pola tarde chega a quenda dos amuletos con dúas novas intervencións. Eusebio Rey Seara, que é arqueólogo especializado en cultura clásica, en maxia e crenzas antigas, disertará sobre amuletos romanos, con especial atención ao “fascinum”, o falo apotropaico. Calros Solla, profesor de historia e lingua galega, etnógrafo e escritor, é tamén coleccionista de amuletos. Ten arredor de 300, entre amuletos, talismáns e pedras da fartura de uso corrente na Galicia tradicional, dos que amosará unha parte na sesión. Na mesa conxunta, e coa intervencións dos asistentes que o desexen, debaterase sobre o enigmático poder destes obxectos; e se é a maxia ou a razón as que guían o seu emprego na actualidade.
Para poñer o colofón a esta completa xornada é imprescindible a colaboración dos asistentes aos que se lles vai solicitar que leven canda si amuletos ou reliquias da súa propiedade, da súa familia ou que estean á súa disposición para amosalos, dicirnos como se chaman e algo máis. Como cada un deses obxectos é ben seguro que ten tras de si unha pequena historia e unha función que cumprir, estou seguro de que aos alí presentes nos gustaría saber de onde procede, como se fixeron con el, e para que e con que grao de confianza o usan, se é que fan tal, na actualidade. Aínda que a entrada para asistir a esta xornada é libre e gratuíta, os que desexen recibir acreditación xustificativa deben inscribirse previamente a través das webs da AS-PG ou da AELG.
Por certo, a Medalla de San Bieito, un bo exemplo de amuleto relixioso, leva polo anverso as iniciais dun exorcismo que se usa para expulsar demos do corpo. Polo bordo da circunferencia, no cuadrante dereito superior, van tres letras (VRS) que son as iniciais que corresponden a “Vade Retro Satana”. Pois iso.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso (16/10/2014)