Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Que sabemos da marta, da garduña e da xeneta?

Moita xente confunde a marta (Martes martes) e a garduña (Mustela foína) pero son dous animais diferentes.
A marta ten o pelo do peito amarelo e a garduña teno desde o peito á gorxa de cor branca. Polo demais, son animais moi parecidos. Os dous son mamíferos carnívoros; os dous teñen a cola moi longa, son escurridizos, matan e comen carne de todo tipo (ratos e ratas, galiñas, toupas…), e tamén gostan dos ovos, tanto de galiñas como de paxaros.
Garduña, ademais de ser o nome deste animal, éo tamén dunha planta espiñosa da que se di que ha recubrir o mundo nos últimos días.
Marta seica tamén é nome dunha ave nocturna, parecida á curuxa. Aínda que esta interpretación poidera deberse a unha confusión, pois o mamífero garduña “ladra”, ou sexa, emíte sons parecidos aos da curuxa e móvese con soltura polas árbores. Dise en Marín:
Gharduña,
arría o pito da uña
. (Rodríguez 1958)

Outro animal de costumes parecidos a estes é a xeneta (Genetta genetta) pero aseméllase máis a un gato montés, aínda que ten a cabeza redonda e máis pequena, e o pelello que lle recobre o corpo ten manchas negras.
As xenetas teñen sona de vampiresas pois dise que entran nos galiñeiros para zugar o sangue das galiñas. Logo, se poden ou se nada se interpón, arrastran o corpo da vítima ata as súas goridas para comelos.
En Galicia e indistintamente segundo as comarcas, tanto a marta como a garduña e a xeneta reciben outros nomes: rabisaco, faína, fuíña, gatela, algaia, gato de algalia (gato dalgalia), martaraña, martarata, martorana, martuxa, martucho, martuxo e marta das galiñas.
Cremos, sen embargo, que “rabisaco” só se pode referir á xeneta, pois este é o único dos tres animais que leva un saco ou bolsa xunto ao ano do que se desprende un olor moi forte. Aínda que esta palabra parece que tamén significa “inquedo”, e inquedos, abofé, son calquera dos tres animais.

Señora Santa María,
Señora Santa Susana,
libraim’á miña alma
d’á boca d’á martarata
. (Casal 2000)
©AReigosa


BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: