Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

O tesouro da capela de San Lourenzo (Becerreá)

A capela está situada na estrada que vai cara a Escola Forestal, en Becerreá (Lugo).
Tres home da Lagúa, un da Casa Nova, outro da Casa de Nesa e un terceiro da Casa de Vázquez, andaban a cavar nos montes de Penamaior para botar o pan cando, de súpeto, o ceo encomezou a anubrar, ameazando con treboadas polo que decidiron volver para a casa. Mais, como empezou a chover, decidiron buscar acubillo na entrada da capela.
Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa que había xunto a entrada, escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros:
—Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar!
—Que dis! Estás tolo, non ves que é un lugar sagrado -respondeu un dos compañeiros.
Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron o camiño para a casa.
Baixando polo Cereixal viron un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles, preguntoulles en castelán:
—Buenos días, señores. ¿Ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?
Eles non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron a Lagúa, un dos homes dixo:
—Xa veredes como vai polo tesouro!
Os outros dixéronlle:
—Estente calado que aínda van pensar que estás tolo!
Ao día seguinte volveron para Penamaior e ao pasar por diante da ermida viron como a lousa estaba remexida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.

[Relato lendario achegado por José Fernández Carrete, de Becerreá (Lugo). Marzo de 2014]

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: