Actualizado en data 21/10/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Ritos, obxectos, crenzas varias..

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Da mandrágora á Man de gloria (ou Man de aforcado)

A orixe do termo e do mito da chamada Man de gloria é unha derivación fonética e simbólica do mito da planta chamada mandrágora. Na Idade Media de mandragoire pasouse a maindegloire; dunha semellanza fonética (que non etimolóxica) deriváronse atributos, virtudes e poderes atribuídos, en principio, á mandrágora e logo á Man de gloria.
As marabillosas propiedades da mandrágora (as súas raíces teñen a forma dun corpo humano) cítanse na Biblia, na Cábala e en bestiarios medievais. Disque medra debaixo dos pés dun aforcado; se non se arrincan as raíces con moito tento, laian con tal forza que poden causar a xordeira e incluso a morte de quen escoita. A mandrágora considérase un amuleto que asegura a quen a posúa poder, riqueza e sorte.
A Encyclopaedia universalis: Thesaurus-index dinos que a súa raíz é unha especie de embrión que pode reaxir co ritual axeitado, ritual no que interveñen, e isto é moi importante, unha forca e o reo correspondente.
No século XVI recóllese a lenda fabulosa da Man de Gloria no Alberti Magni de Secretis Mulierum ou Grand Albert, e , máis adiante, século XVIII, nunha edición resumida deste grimorio, coñecida como Secrets merveilleux de la magie naturelle et cabalistique du Petit Albert ou Petit Albert.
Neste texto, moi do gusto de alquimistas e ocultistas, cóntase como se prepara unha Man de gloria: Búscase a man dereita ou esquerda dun aforcado exposto nos camiños, consérvase nun pote de terra con salmoira, logo ponse ao sol na canícula ata que estea ben seca. Despois fabrícase unha vela con graxa de aforcado, cera virxe e sésamo de Laponia, e úsase a man coma se fose un candeeiro para soster a vela prendida.
A onde se leva, os que estean nese lugar quedan inmobilizados coma mortos diante deste amuleto paralizante, o que permite roubar sen contratempos onde sexa.
A propósito deste uso da Man de gloria, J. George Frazer en La Rama Dorada inclúe este ritual dentro da chamada maxia homeopática ou imitativa, e di que en ocasións a mesma man de morto era usada como vela ou, mellor dito, como manchea de velas, pois acendían os descarnados dedos. Podería ser que algún membro da familia estivese desperto, e nese caso algún dos dedos non ardería. Estas luces nefandas non poden apagarse máis que con leite.
Os escritores do século XIX Gérard Nerval, Aloysius Bertrand, Maupassant e Marcel Schwob recrearon nos seus textos este mito.
__________

Fotografía: Man de gloria pertencente á colección dos irmáns Félix e Cástor Castro Vicente (Ourense)


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: