Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
nº 08 (2012).-QUINTÍA PEREIRA, Rafa: A Noite de Defuntos: crenzas e tradicións
©Rafa Quintía Pereira
© Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 8, ano 2012.
Este artigo foi previamente publicado no blogue Á sombra de Bouza Panda e no xornal “Diario de Pontevedra” (30.10.2012)
©Fotografías do autor .
Todas as culturas do mundo, dende que o home é home, estableceron rituais para honrar e conmemorar os seus mortos. A orixe do noso actual Día de Defuntos pérdese, xa que logo, na noite dos tempos, por iso as celebracións de hoxe en día son herdeiras de antigas tradicións, ritos e crenzas que como pobo construímos ao longo da nosa historia. Co cristianismo todas estas festas pasaron a ser sincretizadas coa nova relixión. Foi no século VIII cando o papa Gregorio III fixou o primeiro de novembro como día de Todos os Santos e xa no século XII a Igrexa establecería o día seguinte —2 de novembro— como Día de Defuntos, cristianizando deste xeito as antigas festas pagás dos mortos. Coa cristianización prohibíronse moitos dos milenarios ritos. Moitas crenzas e costumes desapareceron, outras pasaron a quedar confinadas no ámbito da marxinalidade ou foron transformadas nunha sorte de xogos de nenos. Foron os nenos os que transformaron e continuaron as antigas celebracións percorrendo as casas do lugar, pedindo carne, pan, viño e doces, que gardaban nas súas bolsas para consumilos despois nas súas casas. Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano pero que nace en Europa, era unha tradición común en Galicia ata tal punto que no século XVI o bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara sancionou nos seguintes termos este costume: Constounos pola visita que o día de Todos os Santos e o día seguinte de Defuntos andan todo os mozos da freguesía a pedir polas portas e danlles pan e carne e viño e freixós e pixóns e outras cousas, e que piden así os fillos dos ricos que os pobres; e por ser máis este rito xentil que cristián, ordenamos e mandamos que, de aquí en diante, ningún mozo vaia aqueles dous días de porta en porta a pedir [...] so pena que o pai ou a nai que enviara o seu fillo a pedir aqueles días pague mil marabedís. Ademais deste costume dos nenos de ir pedir polas casas tamén existía a tradición de preparar comida para os defuntos que nos viñan visitar esa noite especial. O mesmo bispo de Mondoñedo amosouse escandalizado ó respecto destes ritos. A reacción do bispo Antonio de Guevara era comprensible. O franciscano non era galego, non coñecía estes costumes e mantiña a crenza de que tódalas nosas tradicións atlánticas eran de procedencia xudía ou mourisca, e decidiu prohibilas con ameazas, multas e castigos. Malia as prohibicións e os intentos anatemizantes da Igrexa, moitas destas crenzas e tradicións perduraron ata os nosos días integradas no cristianismo como algo normal é típico do Día de Defuntos. Deste xeito, perdurou o costume de non recoller a mesa nesa noite para que as ánimas dos familiares defuntos tivesen algo que comer nesa noite liminal en que nos veñen visitar. Antigamente tamén se deixaba o lume da lareira aceso para que as almiñas puidesen quentarse. É costume en moitos lugares de Galicia facer unha cea especial a Noite de Defuntos. Tamén se cocen castañas con anís para as ánimas do purgatorio e se comen doces típicos destas datas como as chulas de calacú ou, xa máis no ámbito urbano, os ósos de defunto e os buñuelos de vento. Ata mediados do século XX aínda se mantiña a tradición de cocer no Día de Defuntos o “Pan das ánimas”, un bolo de pan que se levaba ó adro da igrexa para dar de comer á xente o saíren da misa e para repartilos entre os pobres. Outra das tradicións que se mantiveron, e de feito eu mesmo lembro facelas en Salcedo cando neno, era a de tallar caveiras de calacús que unha vez iluminadas con velas acesas se deixaban nas ventás da casa e polos camiños. A Noite de Defuntos é unha noite máxica cunha enorme carga simbólica, pois existe a crenza de que nesta noite desaparece o veo que separa o mundo dos vivos do mundo do Alén, e por iso é posible que os membros defuntos da familia poidan volver camiñar entre os vivos e veñan visitar os seus antigos fogares na terra. Na actualidade, o 1 de novembro os católicos celebran o día de Todos os Santos e recordan nesa data os seus mortos, visitan os cemiterios, adornan as tumbas e acenden candeas que lles serven de guía aos defuntos para que atopen a saída do purgatorio. Acéndense tamén lampadiñas de aceite sobre as lápidas dos nosos falecidos e crese que cando unha destas lampadiñas se consome indica que unha ánima do purgatorio alcanzou, por fin, a luz. Por Defuntos hai novenas e é costume, relacionado coas celebracións de Defuntos, que pola Candeloria se bendigan as velas que se levan para a casa para acendelas no mes de Santos. Unha celebración tradicional de Galicia que está estreitamente relacionada co que estamos a explicar é o magosto. Polo San Martiño, no mes de novembro, as castañas xa maduras empezan a abri-los ourizos e a caer ó chan. Comeza entón a época dos magostos en Galicia. Esta celebración simbólico-culinaria cínguese normalmente ás datas comprendidas entre o 1 de novembro —Día de Tódolos Santos— e o 11 de novembro —festividade de San Martiño—, aínda que tamén se poden celebrar nos días anteriores ou posteriores a estas datas ou mesmo dende mediados de outubro ata mediados de novembro. O portugués Leite de Vasconcelos consideraba ó magosto como un vestixio dun antigo sacrificio en honor dos mortos e refire que en Barqueiros era tradición preparar, a media noite, unha mesa con castañas para que os defuntos da familia fosen comer; ó día seguinte ninguén tocaba esas castañas pois se cría que estaban “babadas dos defuntos”. Tamén nos magüestus asturianos adoitábase deixa-las castañas que sobraban para que as comeran os defuntos. Hoxe en día está cada vez máis de moda celebrar o Halloween, que non é outra cousa que a véspera de Todos os Santos, do inglés All Hallow Eve. Esta celebración estadounidense non deixa de ser un mero sucedáneo, desvirtuado e carnavalesco, das vellas tradicións relacionadas coa Noite de Defuntos que levaron a América os millóns de emigrantes europeos, sobre todo irlandeses. Por iso cómpre reivindicar a necesidade de manter as nosas tradicións da Noite e do Día de Defuntos, conservando os seu ritos, as súas crenzas e o noso propio nome. Ultimamente tamén, se lle chama a esta celebración Samaín, en lembranza da antiga festa celta, pero a Noite de Defuntos non é o Samaín, aínda que comparta unha orixe e significado similares e non se pode dicir que sexan exactamente o mesmo, pois a relixión céltica e a cristiá tampouco o son. En Galicia, na actualidade, mantemos vivas moitas das antigas tradicións da Noite de Defuntos. Aínda se conserva a tradición de facer caveiras de calacús, visitamos os cemiterios, acendemos candeas, deixámoslles comida ás ánimas, oramos por elas, pedímoslles favores, comemos doces típicos da época, facemos magostos, pero sobre todo lembrámonos e honramos os que xa non están connosco e, aínda que iso se poida facer calquera día do ano, sempre é bo saber que polo menos unha vez ao ano aqueles que xa se foron volveran estar de novo connosco e vivos, aínda que só sexa no pensamento e no recordo.