Ritos, obxectos, crenzas varias..
CATEGORÍAS RELACIONADAS
Vida e milagres de San Rosendo
O bautizo
Os pais, logo de moitos intentos, non lograban fillos. Mais, despois de pedirllo ao Salvador e de peregrinar, un día aparecéuselle á nai, Ilduara, o Arcanxo San Miguel e anuncioulle que tería un fillo san. E Rosendo naceu aos nove meses, nun parto sen dor.
Cando naceu Rosendo, que o fixo en Santo Tirso (Portugal), os pais quixeron bautizalo na igrexa de San Salvador, en Monte Córdova (Portugal), porque naquel lugar tivera a nai a revelación de que ía ter un fillo. Entón prepararon un carro para levar a pía bautismal ao templo pero o carro rompeu. Mentres o amañaban, a pía apareceu misteriosamente no interior da igrexa de San Miguel, en Celanova (Ourense).
Parece que os bois non podían coa pía e que, mentres se amañaba o carro, uns anxos se encargaron de transportala.
Interpretouse o prodixio como vontade de Deus e alí foi bautizado. No coro desta igrexa hai unha talla que representa a escena da crebadura do carro.
Logo de formarse en San Martiño de Mondoñedo (Foz) co seu tío Sabarico e de exercer de bispo da diocese mindoniense, retirouse ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro, concello de A Capela (A Coruña).
O nubeiro e o anel
Certo día presentóuselle na fraga un nubeiro, que quixo tentalo, e como el non se deixou púxose moi mal tempo (lostregaba e sarabiaba moito) e Rosendo asomouse á ventá da súa cela e exclamou:
—Que día máis malo vai hoxe!
Ao pouco deuse de conta que pecara indo en contra da vontade de Deus e non sabendo que facer para que lle perdoase, baixou ao río Eume, que pasa aos pés do convento, sacou o anel e tirándoo ás augas, dixo:
—Cando o meu pecado me sexa perdoado, que se me devolva este anel.
Pasou o tempo e ao cabo de dous anos, un bo día o frade cociñeiro foi ao río pescar. Pillou un salmón ben grande e regresou ao convento coa intención de preparalo. Cando estaba limpando o peixe, atopou o anel no ventre do salmón. Despois disto, levoullo a Rosendo e o frade, cando viu o seu anel, berrou ansioso:
—O meu anel! Deus perdooume!
A partir dese momento, Rosendo pasou a ser San Rosendo.
BIBLIOGRAFÍA